Como veciños non saímos do noso asombro ao comprobar como en vez de felicitarse porque chegan novos investimentos, aos edís do PSOE parece sentarlles mal que o seu pobo reciba cartos, sexa obxecto dunha boa nova destas características, e pase a formar parte do mapa daquelas privilexiadas vilas nas que veciños e visitantes poden observar o proceso de construción dunha embarcación tradicional e visitala con posterioridade.
Desde a asociación de veciños Cruz da Venta non podemos máis que felicitarnos porque San Ciprián sexa receptor deste tesouro -qué mellor palabra para definilo- Tesouro cultural, polo que significa recuperar e poñer en valor parte noso pasado máis recente, incluso a goleta levará o nome de San Ciprián. Tesouro turístico polo impulso que neste ámbito suporá dispoñer dun atractivo destas características. E tesouro tamén polos postos de traballo que garante, evitando a desaparición dunha actividade artesanal como son as carpinterías de ribeira, que merecen todo o noso recoñecemento e protección, se non queremos que rematen por ser unha foto do pasado.
A nosa foi unha vila mariñeira durante moitas décadas e aspira a seguir facendo de cada día, de cada festa, de cada rúa unha homenaxe ao mundo do mar, que noutro tempo tivo a honra ver como navegaban nas súas augas estas goletas. Que a miopía e o apaixonamento político non impida ver o moito e bo que este proxecto representa. Que non teñamos que volver a presenciar como uns políticos, neste caso os edís socialistas, tiran pedras contra o seu propio tellado.
AA.VV.”CRUZ DA VENTA” – San Ciprian