Noa de Prensa
PATRIMONIO ENCARGOU UN INFORME INDEPENDENTE SOBRE A PONTE DE ARANTE ANTE A FALTA DE ARGUMENTOS TÉCNICOS DA DEPUTACIÓN QUE XUSTIFIQUEN O SEU DERRUBAMENTO
§ A Xunta xa recibiu este documento, solicitado a un técnico cualificado, e desbloqueará a obra “á maior brevidade” para que os veciños poidan facer uso deste paso
Lugo, 7 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comunicou hoxe que a Dirección Xeral de Patrimonio tivo que recorrer a un informe técnico independente para coñecer as posibilidades de restaurar a Ponte de Arante, en Ribadeo, dado que a Deputación insistía no seu derrubamento sen xustificar dabondo tal solución.
A Dirección Xeral de Patrimonio resolverá á maior brevidade posible, unha vez que estude os argumentos a favor e en contra de substituír a actual estrutura por outra nova.
A delegada lembra que a Dirección Xeral de Patrimonio obrou en todo momento atendendo só a consideracións técnicas e pensando na mellor solución para esta infraestrutura, “todo o contrario do que fixo a Deputación, que en vez de contestar aos requirimentos da Xunta a través de informes, limitouse a protestar a través dos medios”.
A Xunta, resume Arias, “só require seriedade e rapidez á Deputación para que esta infraestrutura estea en perfectas condicións de uso canto antes”. Fronte a este actitude, “a Deputación opta por suscitar esta polémica sen razón ningunha, e insiste en demostrar desprezo polo noso patrimonio ao resistirse a admitir os reparos da Dirección Xeral”.
Arias aclara que a Deputación terxiversa ao afirmar que entregaron en xullo un informe xustificando o derrubamento da Ponte de Arante, en Ribadeo, cando o que achegou nesas datas foi a primeira –e única polo de agora- proposta de actuación sobre a infraestrutura, que deu lugar precisamente a que Patrimonio esixise informes técnicos que xustificaran esa solución.
Segundo os datos que obran na Dirección Xeral de Patrimonio, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural -á vista do proxecto presentado- resolveu o 30 de xullo de 2010 “solicitar á Deputación Provincial de Lugo a xustificación da necesidade de demolición da ponte existente, xa que se considera que, de ser posible, é máis axustado conservar a estrutura de fábrica actual, reforzándoa”.
A Deputación contesta o 10 de agosto cun escrito no que insiste na súa proposta, carente de argumentos técnicos e que resulta claramente insuficiente para apoiar a solución do derrubamento, á vista do cal Patrimonio reitera a necesidade de razoar a proposta.
Paralelamente, a Dirección Xeral de Patrimonio encargou un informe a un técnico independente, emitido hai apenas unha semana e que conclúe “reafirmando a posibilidade que ten a ponte para ser restaurada, sen necesidade de construír outra ponte nova que estea fóra da escala do lugar e do entorno”.
Explica o informe que a ponte “ten o valor ambiental e paisaxístico de estar adaptado ao lugar, fronte á falta de adaptación da nova ponte proxectada” que propón “unha solución desacertada, apoiado en estribos de formigón e con vigas prefabricadas”. “Buscar alternativas a este tipo de solucións –engade- que sirvan de exemplo a outros casos, convértese nunha necesidade”