Site icon Crónica3.com A Mariña

Pacto de intereses en Foz entre o PP e o PSOE ao poñerse de acordo nos recoñecementos extraxudiciais de crédito, asegura o BNG

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ SOLICITA DEPURAR RESPONSABILIDADES NO CASO DO RECOÑECEMENTO DE FACTURAS

“PP e PSOE vólvense a poñer de acordo en contra da legalidade e dos intereses públicos” afirma Basanta

Foz, 29 de outubro de 2010.- O BNG volveu a manter o seu voto en contra de recoñecer facturas nas que o alcalde e o grupo de goberno cometeron múltiples irregularidades, vulnerando a lei e con toda probabilidade actuando en contra dos intereses económicos do Concello.

Segundo o BNG, no pleno de onte volveuse a escenificar o pacto de intereses entre o PP e do PSOE ao poñerse de acordo para sacar os recoñecementos extraxudiciais de crédito adiante a pesar dos reiterados reparos de intervención e a pesar de xogar cos intereses do Concello. Este pacto xa o repetiran os dous partidos no caso da concesión de augas e dos orzamentos do 2008. É inexplicable o cambio de voto do PP cando votara en tres ocasións anteriores en contra das mesmas facturas que forman estes recoñecementos extraxudiciais. Como tampouco se explica que se sacaran algunhas facturas e outras non, posto que están producindo un trato discriminatorio con algúns provedores e contratistas.

Hai que recordar que en moitas das facturas incluídas neste expediente non aparece a conformidade realizada polo persoal técnico competente do Concello (nalgúns casos só aparece a sinatura do alcalde e noutros casos as de outras persoas que non son técnicos do concello) polo que non se pode certificar de forma segura nin que as obras foron efectuadas efectivamente nin que o seu prezo se axusta ao do mercado. A maiores, tampouco se fixo seguimento destes gastos de inversión por dito persoal técnico nin obra informe ou conformidade de dito persoal, polo que se vulnera o procedemento legal e deixa en indefensión ao Concello. Polo tanto, e ás vistas destas deficiencias o BNG, en coherencia coa súa posición, non pode recoñecer uns gastos que non están avalados e conformados debidamente polos técnicos competentes e que non certifican a correcta realización das obras e da súa calidade, posto que poderíase estar actuando en contra dos intereses do Concello.

Non obstante non pode esquecerse –como certifican os informes de intervención- que “unha parte importante dos gastos recollidos nestes expedientes foron realizados incumprindo a prohibición legal de adquirir compromisos sen a consignación orzamentaria suficiente e en determinados casos incumprindo ademais outra serie de preceptos legais como a Lei de Contratos”. Por este motivo, o BNG solicitou ao Pleno da Corporación que se inicie a acción de regreso contemplada na lei para determinar a posible responsabilidade patrimonial causada á Administración por aquelas autoridades e persoal municipal nas súas actuacións en materia de contratación administrativa, cando menos polos intereses de demora que deban de aboarse.

E así  mesmo, o BNG volveu a reiterarlle ao alcalde que faga as cousas ben e conforme a lei en materia de contratación, control de gasto e aprobación de facturas e non estas chapuzas ás que nos ten acostumados, para que estes problemas de pago non volvan a ocorrer.

Exit mobile version