Site icon Crónica3.com A Mariña

Once representacións teatrais e varias exposicións centran a oferta cultural do concello de Burela

Nota de Prensa

ONCE REPRESENTACIÓNS TEATRAIS E VARIAS EXPOSICIÓNS CENTRAN A OFERTA CULTURAL DO CONCELLO DE BURELA PARA O ÚLTIMO TRIMESTRE DESTE 2010.

Burela, 8 de outubro de 2010. Once representacións teatrais e varias exposicións centran a oferta cultural do Concello de Burela para o último trimestre deste 2010. A programación foi presentada hoxe pola edil de Cultura.

Neves Cando anunciou que “mañá comeza a programación teatral de outono en Burela e fáino cunha obra infantil da compañía Caramuxo Teatro titulada Mensaxe sen botella, unha fantástica aventura sobre a liberdade. Será ás seis da tarde no auditorio da Casa da Cultura. A partires de aquí e durante os meses de outubro, novembro e decembro poderemos disfrutar de once representacións teatrais que conxugan o teatro profesional infantil e para adultos co teatro afeccionado da nosa comarca, que tan boa aceptación de público ten aquí en Burela”.

O venres 15 de outubro a compañía Fulano, Mengano e Citano representará Nunca menos. O sábado 23 de outubro os máis pequenos poderán ver a obra de monicreques Osofete da compañía Tirititempo e o venres 29 de outubro “remataremos coa primeira representación do proxecto Buxiganga financiado polo Área de Cultura da Deputación de Lugo que achega o teatro afeccionado a Burela, trátase da obra Ilusións do grupo A Adala de Fazouro”.

En novembro o día 5 seguirá o teatro afeccionado coa obra Quinta de vivos anguria dos orfos de O Bordelo de Cervo; o 13 volta o teatro infantil coa compañía Teatro do Morcego que porá en escea Saltimbanquis, un espectáculo musical baseado nun conto dos irmáns Grimm; o 19 de novembro será tempo para a comedia da man do monologuista Rober Bodegas que con E un condon por se pillo!! reflexiona sobre a chegada do seu espertar sexual e o 26 de novembro Raiolas de Alfoz representará A lotaría.

No mes de decembro “comezamos cunha aposta teatral que ven de fora de Galicia, a compañía Factoría Teatro de Madrid porá en escea Sumergirse en el auga, coa que o público poderá reflexionar sobre a violencia da nosa sociedade. Para nós é un pracer achegar esta obra a Burela porque entre o elenco de actores está un veciño noso Chendo Lestao, que debutará así teatralmente no seu pobo. Esta obra ademáis de para o público en xeral tamén terá unha representación específica para o alumnado dos nosos institutos ese día pola mañá”, segueu a relatar Cando.

O sábado 4 de decembro Títeres Trompicallo representará Violeta Coletas contra as salchichas ¡Gulp! E o día 10 a Internacional Teatro recreará a vida da pintora Frida Kahlo.

A concelleira nacionalista engadiu que “tamén nestes tres meses poderemos disfrutar na nosa sala de arte da mostra fotográfica do clube Imaxe de Burela, dos traballos dos obradoiros da sociedade cultural Ledicia, da mostra fotográfica Miradas de La Voz de Galicia e do certame de postais de nadal 2010”.

Exit mobile version