Site icon Crónica3.com A Mariña

O Sergas ten pendente de pago desde xaneiro a Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela

Nota de Prensa

EN NOVEMBRO COÑECERASE O NOME DA EMPRESA QUE EXECUTARÁ AS OBRAS DA NOVA CAPITANÍA MARÍTIMA DE BURELA, SEGUNDO OS PRAZOS QUE MANEXA ALFREDO LLANO.

Burela, 15 de outubro de 2010. En novembro coñecerase o nome da empresa que executará as obras da nova capitanía marítima de Burela, segundo os prazos que manexa o alcalde.

Alfredo Llano sinalou que “desde Fomento comentáronme que todo marcha ben, hai unhas 40 empresas que presentaron ofertas para realizar este proxecto e xa se empezaron a abrir as plicas co que nun prazo duns 15 ou 20 días se coñecerá o nome da firma que se encargará das obras”. O rexedor engadiu que “o prazo de execución será dun ano ou ano e pico. Estamos diante dunha boa noticia porque consideramos que van comezar antes de que remate o ano, só hai que agardar a que os prazos se cumpran. Sería bó tamén que fose unha empresa galega a que realizase esta obra que para nós é moi importante”.

Unidade de drogodependencias

O alcalde confirmou que “o Concello voltou a enviar ao Sergas os gastos da Unidade Asistencial de Drogodependencias desde xaneiro ata o de agora e que ascenden a 160.000 euros. Unha cifra que estamos afrontando nós, algo que empeza a ser preocupante”. Alfredo Llano subliña que “éste é un servizo supramunicipal que se presta a toda a comarca da Mariña, pero os gastos estaos pagando o Concello de Burela. A Xunta aporta unha subvención duns 227.000 euros, pero de momento non recibimos nada”.

O rexedor burelés asegurou que “esta situación nunca ocurriu e esa cifra vai subir porque cando remate outubro será aínda máis alta e complicará máis as contas do noso Concello”. Alfredo Llano aboga porque “o Sergas asuma o persoal e esta unidade xa que dese xeito estas situacións non se producirán e darán máis seguridade tanto aos profesionais que alí traballan como aos usuarios. Hai dous anos esta posibilidade ía por moi bó camiño, pero o tema agora está parada. Estou pendente de manter un encontro coa conselleira de Sanidade para abordar estas dúas cuestións e en canto me convoque acudirei a onde me diga para tentar buscar unha solución a un problema que é preocupante”.

Exit mobile version