Nota de prensa
BURELA ESTARÁ PRESENTE NA XIII EDICIÓN DE EXPOGALAECIA 2010 QUE SE CELEBRA EN VIGO DO 29 DE OUTUBRO AO 1 DE NOVEMBRO.
Burela, 26 de outubro de 2010. O Concello de Burela estará presente na décimo terceira edición do certame internacional de turismo, gastronomía e artesanía ExpoGalaecia 2010 que se celebra no recinto IFEVI de Vigo do 29 de outubro ao 1 de novembro.
O edil de Turismo, José González Legazpi, sinalou que “o Concello de Burela estará presente un ano máis nun dos escaparates turísticos máis importantes de España que concentra a máis importante presenza de expositores de Portugal. Un evento que nesta edición segue a incrementar o seu posicionamento como xa o fixera na pasada en algo máis dun 5, segundo a organización, cunha representación que supera as 500 institucións e Concellos e no que se atoparán máis de 250 expositores, estimándose unha presenza de máis de 60.000 visitantes nun recinto duns 20.000 metros cadrados,así como unha cifra de negocio directa e indirecta superior aos 10 millóns de euros”.
O concelleiro nacionalista explica que “nesta edición de ExpoGalaecia 2010 será Venezuela o país convidado e a nivel internacional Portugal o país con mais concentración de expositores, transformando así ExpoGalaecia 2010 a Vigo e Galicia na capital turística por excelencia do noroeste peninsular, países como Cuba, Exipto, Arxentina, Francia, Bélxica e outros moitos presentarán as súas novidades turísticas. Tamén acuden á cidade olívica comunidades autónomas como Asturias, Cantabria, Castela-León, País Vasco, xunto con Concellos, Deputacións, Consulados e outras institucións, o que representa un importante punto de encontro para o turismo e a gastronomía, consecuencia esta pola que o Concello de Burela estará presente un ano máis neste interesante certame, para seguir valorizando o nosos recursos, no senso de afianzar e posibilitar cotas de crecemento para Burela dentro do ámbito turístico”.
Burela estará presente en ExpoGalaecia 2010 con stand propio “no que se divulgarán todos os nosos recursos turísticos, gastronómicos, culturais e históricos dentro dun espazo de importante repercusión pola súa situación no eixe da eurorexión de Galicia-Norte de Portugal que aglutina preto de seis millóns de habitantes, e por tanto de grande transcendencia para a potenciación do turismo para o Concello de Burela”.