Nota de Prensa
Insta á Xunta a propoñer ao Goberno central un novo sistema de representación que valore a relevancia do sector pesqueiro de cada autonomía e no que só as comunidades marítimas poidan participar nestes consellos
O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA QUE GALICIA TEÑA UNHA MAIOR PARTICIPACIÓN NOS CONSELLOS DE MINISTROS DE PESCA DA UNIÓN EUROPEA
* O deputado Daniel Varela salientou que a participación de Galicia nos consellos de Pesca europeos non está en consonancia co peso e importancia do sector pesqueiro galego ao aplicar o Goberno central criterios de selección rotatorios entre as autonomías, pouco representativo da relevancia para algunhas delas dos asuntos a tratar.
Santiago, 14 de outubro de 2010.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular dirixida a que Galicia teña unha maior participación nos consellos de ministros de Pesca da Unión Europea. A proposición non de lei insta á Xunta a propoñer ao Goberno central un novo sistema de representación que valore a relevancia do sector pesqueiro de cada autonomía e no que só as comunidades marítimas poidan participar nestes consellos. Así mesmo, propón que se diferencien os consellos de Pesca dos de Agricultura.
Na defensa da iniciativa, o deputado Daniel Varela salientou que a participación de Galicia nos consellos de Pesca europeos non está en consonancia co peso e importancia do sector pesqueiro galego ao aplicar o Goberno central criterios de selección rotatorios entre as autonomías, pouco representativo da relevancia para algunhas delas dos asuntos a tratar. Nese sentido, lembrou que o sector pesqueiro galego representa o 40% da flota española e o 7,27% da Unión Europea, ademais do 15% do total da produción pesqueira da UE. Igualmente, destacou que Galicia mantén o 51,6% do emprego pesqueiro español e o 10,2% do emprego dos 27 países da UE.
Como exemplo das deficiencias do actual sistema de representación das comunidades nos consellos de ministros europeos, o deputado fixo referencia ao Consello informal de ministros de Pesca da UE celebrado en Vigo os días 4 e 5 de marzo pasado, no que non se permitiu a asistencia da conselleira do Mar, malia ser Galicia a comunidade anfitriona e constituír a primeira potencia pesqueira española e europea. Unha ausencia que o Goberno central xustificou alegando que a quenda lle correspondía á Comunidade Autónoma de Cataluña e, malia que a dita comunidade cedeu finalmente o seu posto a Galicia, o Executivo de Zapatero impediu o cambio aducindo que non era posible facelo.
INTERESES PESQUEIROS DEFENDIDOS POR EXTREMADURA
Noutras ocasións, como ocorre na actualidade, os intereses pesqueiros galegos, engadiu Daniel Varela, teñen que ser defendidos por Extremadura ou La Rioja, algo que para o deputado “atenta contra o sentido común” e constitúe “un auténtico esperpento”.
A iniciativa aprobada hoxe polo Pleno da Cámara propón tamén que, nese novo sistema, se pondere, entre as comunidades marítimas, a relevancia do respectivo sector pesqueiro en relación coa orde do día do correspondente Consello para a súa participación e designación como representante das demais, e que sexan as propias autonomías marítimas as que decidan exclusivamente entre si a dita participación e representación, comunicándoo ao Goberno central e que entre este e aquelas se acorde a postura a defender polo Goberno do Estado nese Consello de ministros.