Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pregunta no Parlamento sobre o impacto da pesca do ourizo por afeccionados

Nota de prensa:
O voceiro popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, interpelou sobre esta cuestión ao director xeral de Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que tivo lugar esta mañá

INFORMES CIENTÍFICOS SINALAN QUE A DECISIÓN DO BIPARTITO DE PERMITIR A EXTRACCIÓN DO OURIZO AOS AFECCIONADOS PROVOCOU UN IMPACTO NEGATIVO NESTE RECURSO

* En 2006 baixo o programa “Xornadas de Exaltación de Productos do Mar – Ourizo”, permitiu a moitos mariñaos achegarse á ribeira co consentimento dos órganos da consellería naquela zona, decisión tomada con escaso apego aos informes técnicos

* Grupo Popular insisteu en que existiron múltiples vulneracións da legalidade, xa que á vista da lexislación existente naquel momento non se podería amparar esta actividade extractiva polos afeccionados

* Balseiro defendeu un aumento da couta de captura na pesquería da pesca no ano 2011 e gabou os contactos permanentes entre Xunta e sector para defender unha postura común ante o MARM e a Unión Europea

Santiago, 19 de outubro de 2010.- Diversos informes científicos manexados pola Consellería do Mar sinalan que a decisión do anterior Goberno bipartito autonómico de permitir a extracción de ourizo aos afeccionados, coma o cambio e inclusión de novas fórmulas de explotación (mergullo), provocou un impacto negativo neste recurso e contribuíu a súa escaseza, prexudicando dun xeito evidente aos profesionais que participan nas campañas de captura do ourizo.

O voceiro popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, interpelou sobre esta cuestión ao director xeral Ordenación e Xestión de Recursos Mariños, Pablo Fernández, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que tivo lugar esta mañá. No transcurso da mesma a Xunta avalou cientificamente a tese defendida desde o primeiro momento desde o Grupo Parlamentario Popular moi crítico coa decisión do anterior Goberno bipartito e do departamento autonómico de Pesca que daquela dirixía a hoxe deputada socialista Carmen Gallego.

En 2006 baixo o programa “Xornadas de Exaltación de Productos do Mar – Ourizo”, permitiu a 1.500 mariñaos achegarse á ribeira co consentimento dos órganos da Consellería naquela zona. Esta decisión “adoptouse con escaso apego aos informes técnicos e cun discutido fundamento legal”. De feito, Jose Manuel Balseiro, sinalou o que desde o Grupo Popular insisten en que existiron múltiples vulneracións da legalidade -“ata 15 normas diferentes, e 65 artigos”. A conclusión do director xeral a este respecto tamén resulta clara, “á vista da lexislación existente naquel momento, non se podería amparar esta actividade extractiva polos afeccionados”

ESFORZOS PARA INCREMENTAR O STOCK

O voceiro popular do Mar, confiou en que “cos datos científicos na man, e visto o menoscabo provocado na xestión deste recurso”, -cunha considerable merma na produción de ourizo na Mariña lucense na presente campaña- “aprendamos dos erros cometidos polo bipartito para non volvan a ter lugar no futuro”. A este respecto lembrou que o ourizo é un recurso que precisa dun tempo prolongado de recuperación, de xeito especial, cando “como aquí aconteceu” se captura en exceso. Por iso gabou as tarefas que a Consellería do Mar está a desenvolver de cara ao futuro, sementando novo ourizo na Mariña lucense, “co obxecto de que poida incrementarse o stock dispoñible”. Significou finalmente que a produción deste equinodermo “goza de gran importancia na Mariña lucense, e en moitas áreas de Galicia” e constitúe unha “aposta de futuro polo pulo que está a adoptar na gastronomía galega”.

PESCADA

Jose Manuel Balseiro interesouse tamén no Parlamento pola flota galega que se dedica á captura da pescada e, máis en concreto, polas xestións que a Xunta está a desenvolver diante do Goberno central en relación coa xestión desta pesquería para o ano 2011, nos caladoiros nacionais do Cantábrico e Noroeste. O voceiro do Mar significou os múltiples erros cometidos polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño na presente anualidade e a necesidade de reconducir estas decisións para o ano próximo. O Grupo Popular instou á Xunta a defender un aumento do tope de capturas dispoñibles e a continuar cos contactos co sector para manter diante do Goberno central e na Unión Europea unha postura de forza en defensa dos intereses de Galicia.

Balseiro tamén significou o feito de que o sector tomara a dianteira ao Ministerio, “motivado pola súa inacción” e presentara xa unha proposta de plan de xestión. O mesmo foi elaborado polas asociacións de arrastre de litoral do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste e arrastre de Portugal. Con carácter previo consideran necesario realizar unha distribución en base a datos históricos de captura entre os distintos segmentos de flota da totalidade das pesquerías suxeitas a tac e cuotas que son obxecto de pesca polos buques de Arrastre de litoral. A asignación das porcentaxes de capturas das diferentes especies debería, ao seu teor, fixarse cos criterios do proxecto de Lei de Pesca Sostible, é dicir, actividade pesqueira desenvolvida historicamente nos últimos 10 anos, cifrada en volume de capturas declaradas .

Exit mobile version