NOTA DE PRENSA
“Como o alcalde parece que non se aclara nin se enteira” remitiulle copia do escrito do Ministerio de Xustiza para que a faga extensible ao resto da Corporación.
BALSEIRO LÉMBRALLE AO BNG QUE É O PROPIO MINISTERIO DE XUSTIZA QUEN RECOÑECE QUE A XUNTA XA SOLICITOU FORMALMENTE A CREACIÓN DO XULGADO DE RIBADEO
* O deputado amosa a súa sorpresa porque agora o BNG reclame a creación dun xulgado despois de ter votado no Parlamento en contra disto.
* Reclama aos nacionalistas que se deixen de polemizar e insten ao Ministerio para que cumpra con esta reivindicación.
A Mariña, 28 de outubro de 2010.- O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, lembroulle aos responsables do BNG de Ribadeo que foi o propio Ministerio de Xustiza o que recoñece que a Xunta xa solicitou formalmente a creación do novo xulgado de Ribadeo. Non é polo tanto unha afirmación sen máis do deputado popular senón que ven avalada pola misiva que a Dirección General de Relaciones con la Administración de Justicia, dependente do Goberno central, dirixiu á Xunta indicándolle que a creación do xulgado dependía da modificación previa e imprescindible da Lei de planta e demarcación xudicial, un texto lexislativo de competencia estatal.
Jose Manuel Baleiro insistiu en que a Xunta “xa fixo os seus deberes” como consecuencia da presión política e social que no seu momento exercemos desde o PP, e agora “a pelota está no tellado do Goberno de Zapatero”. En todo caso, instou aos nacionalistas a deixarse de polemizar e traballar desde a Alcaldía por facer as xestións e presións precisas diante do Ministerio de Xustiza para que acometa “sen máis restraso” os trámites e modificacións lexislativas necesarias para crear o novo partido xudicial ribadense, para que cumpra con esta reivindicación.
OS NACIONALISTAS COMO OBSTÁCULO
O deputado popular amosou tamén a súa sorpresa polo “repentino cambio de comportamento dos nacionalistas” que agora reclaman a creación do xulgado, despois de ter votado no Parlamento en contra disto. De feito lembrou que o 31 de marzo de 2008 o voto negativo de socialistas e nacionalistas impediu que prosperara unha iniciativa do Grupo Popular na Cámara galega na que literalmente se demandaba “dirixirse ao Goberno central para que proceda á modificación puntual da actual Lei de planta e demarcación xudicial, de tal xeito que se cree un novo partido xudicial na provincia de Lugo, en Ribadeo, que inclúa un xulgado de primeira instancia e instrucción nesta localidade”. Daquela os nacionalistas opuxéronse a esto a diferenza do que están a dicir hoxe.
TRASLADA A MISIVA Á ALCALDÍA E GRUPOS MUNICIPAIS
Jose Manuel Balseiro insiste en que o procedemento a seguir “non é algo que esteamos a dicir nos, senón que o establece o propio Ministerio de Xustiza na súa carta”. Como entende que o alcalde non se aclara nin enteira de nada, “remitireille a carta do Ministerio para que ademais a faga extensible ao conxunto dos grupos políticos que conforman a Corporación”. O deputado popular tamén acompañou a súa nota de prensa coa copia da resposta da Xunta , de tal xeito que está en posesión dos medios de comunicación.