Nota de prensa:
A devandita petición xurde a proposta do Partido Popular de Foz, do seu candidato e do conxunto do grupo municipal desta formación política
BALSEIRO PROMOVE UNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA RECLAMANDO O INICIO DOS TRÁMITES PARA DOTAR A FOZ DUNHA RESIDENCIA CON CENTRO DE DÍA
* “Os nacionalistas sempre dixeron que a levarían adiante. Tamén os socialistas, pero a Xunta bipartita non cumpriu: nin deixou consignación orzamentaria, nin o proxecto construtivo, precisamente o que nosoutros buscamos impulsar”- indicou Balseiro
A Mariña lucense, 22 de outubro de 2010.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, a petición dos responsables locais desta formación política –o candidato, Javier Castiñeira e grupo municipal do PP Foz- rexistrará no Parlamento de Galicia unha iniciativa de impulso á acción do Goberno, pola que reclamarán que se inicien os trámites para a dotación dunha nova residencia con centro de día no Concello de Foz
Despois de anos de “promesas incumpridas” por parte do bipartito, e constatada a necesidade real de dispoñer dunha infrestrutura de benestar destas características, os populares impulsarán a elaboración dun estudo de viabilidade que determine as características e os servizos dos que disporá a futura residencia e, en función do resultado do mesmo, pedirán que se inicien os trámites necesarios para a execución desta residencia.
HISTORIA DUNHA PROMESA INCUMPRIDA
Balseiro asegurou que o do centro xeriátrico de Foz é historia dunha promesa incumprida. “Os nacionalistas sempre dixeron que a levarian adiante. Tamén os socialistas, pero a Xunta bipartita non cumpriu”. De feito cando o PP accedeu á responsabilidade de Goberno da Xunta comprobou que: Non só non había partidas orzamentarias, consignación expresa para esta residencia, senón que ademais non existía nin proxecto construtivo (que é o que agora queren impulsar).
O deputado popular tamén explicou que non foi “ata finais de febreiro de 2009” cando o Concello cedeu unha parcela para a construción desta nova residencia. ”Tampouco sen moita presa pois o remitiron catro meses despois de ter acadado o acordo no pleno”
Segundo explica Jose Manuel Balseiro agora cómpre polo tanto estudar “como facer realidade esta residencia e con que características”. Con esta iniciativa ademais, o PP, “fai menos propaganda (algo que era propio do bipartito) e aplica máis traballo”.