Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide no Parlamento que Galicia teña maior participación no consellos de ministros de presca da UE

Nota de prensa:
A través dunha iniciativa que insta á Xunta a propoñer ao Goberno central un novo sistema que teña en conta a relevancia do sector pesqueiro de cada autonomía e no que só as comunidades autónomas marítimas poidan participar nestes consellos, diferenciándoos dos de Agricultura

O GRUPO POPULAR DEFENDE UNHA MAIOR PARTICIPACIÓN DE GALICIA NOS CONSELLOS DE MINISTROS DE PESCA DA UNIÓN EUROPEA

* Ruíz Rivas resalta que o peso do sector pesqueiro galego non está en consonancia coa presenza e participación de Galicia nos consellos de Pesca da UE por mor dun sistema interno español que aplica uns criterios de selección rotatorios das comunidades autónomas pouco representativo da relevancia para certas autonomías dos asuntos a tratar nos mesmos.

Santiago, 4 de outubro de 2010.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, informou hoxe en rolda de prensa da presentación dunha iniciativa na que o seu Grupo defende unha maior participación de Galicia nos consellos de ministros de Pesca da Unión Europea. Para os populares, explicou Ruíz Rivas, “constitúe un obxectivo da maior importancia lograr a mellor defensa dos intereses de Galicia en todos os foros e, especialmente, no ámbito da UE”. Algo que, engadiu, faise singularmente necesario “na actual conxuntura de crise económica”, na que, entre as medidas de loita contra as consecuencias da crise, “cómpre intensificar as accións destinadas a preservar e potenciar os nosos sectores productivos”.

A proposición non de lei, que o Grupo Popular levará ao Pleno da Cámara, insta á Xunta a propoñer ao Goberno central un novo sistema que teña en conta a relevancia do sector pesqueiro de cada autonomía e no que só as comunidades autónomas marítimas poidan participar nestes consellos, diferenciándoos dos de Agricultura. Igualmente, proponse que, dentro das comunidades marítimas, se pondere, para a súa participación e designación como representante das demais nos consellos de ministros europeos, a relevancia do respectivo sector pesqueiro en relación coa Orde do día do mesmo. Deste xeito, a iniciativa propón que, en función dos asuntos a tratar, sexan as autonomías marítimas as que decidan exclusivamente entre si a participación e representación no Consello de Ministros, comunicándollo ao Goberno central, e que entre este e aquelas se acorde a postura a defender polo Goberno do Estado no dito Consello.

Ruíz Rivas resalta que o peso do sector pesqueiro galego non está en consonancia coa presenza e participación de Galicia nos consellos de Pesca da UE por mor dun sistema interno español que aplica uns criterios de selección rotatorios das comunidades autónomas pouco representativo da relevancia para certas autonomías dos asuntos a tratar nos mesmos. No caso concreto da pesca en relación con Galicia, o dito sistema é “manifestamente mellorable para acadar unha maior representatividade e eficacia”.

AUSENCIA DE GALICIA NO CONSELLO INFORMAL DE VIGO

O portavoz do Grupo Popular puxo como exemplo representativo das deficiencias do actual sistema o feito de que no Consello informal de Ministros de Pesca da UE celebrado en Vigo os días 4 e 5 de marzo pasado, non se permitiu a asistencia da conselleira do Mar, malia ser Galicia a comunidade anfitriona e constituír a primeira potencia pesqueira española e europea, o que para Ruíz Rivas supón unha mostra “da máis sectaria política partidaria”. Unha ausencia que o Goberno central xustificou alegando que a quenda lle correspondía á Comunidade Autónoma de Cataluña e, malia que a dita comunidade cedeu finalmente o seu posto a Galicia, o Executivo de Zapatero impediu o cambio aducindo que non era posible facelo.

O deputado destacou que o sector pesqueiro galego representa o 40% da flota española e o 7,27% da Unión Europea, ademais do 15% do total da produción pesqueira da UE. Igualmente, lembrou que Galicia mantén o 51,6% do emprego pesqueiro español e o 10,2% do emprego dos 27 países da UE. Ademais dos 25.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores que faenan habitualmente, do sector pesqueiro galego dependen tamén os traballadores de actividades como a industria conserveira, os estaleiros ou o comercio, de xeito que por cada emprego no mar estímase que se crean ao redor de catro empregos máis en terra. “Tendo en conta estas consideracións e a nosa presenza en todos os océanos do Planeta, Galicia constitúese nunha auténtica potencia pesqueira europea e nunha das grandes potencias pesqueiras mundiais, contando todo o conxunto do seu entramado mar-terra”.

O Grupo Popular espera que os restantes grupos apoien esta iniciativa “porque confiamos en que socialistas e nacionalistas serán conscientes da importancia de defender a participación efectiva de Galicia nos foros nos que se adoptan decisións que teñen gran repercusión na nosa economía”. Para Ruíz Rivas, esta proposta enmárcase “nas accións necesarias para defender os nosos sectores productivos e achegarnos ao obxectivo de superar a crise e afianzar a dinamización económica da nosa Comunidade”.

Nese sentido, apelou á responsabilidade dos grupos da oposición para que “aposten por cambiar a súa estratexia de limitarse á crítica permanente e de escenificar espectáculos lamentables no Parlamento e substituíla polo traballo en positivo e a achega a un esforzo que debe ser conxunto”.

Exit mobile version