Nota de prensa:
O Parlamento de Galicia convoca oito bolsas para a formación práctica de licenciados e diplomados universitarios
A Cámara galega aposta, con esta medida, pola formación das persoas que veñen de rematar os seus estudos universitarios
• As bolsas terán unha duración de 12 meses e facilitan formación práctica en áreas como arquivo, biblioteca e documentación, comunicación institucional, informática e publicacións
• Unha vez publicada a convocatoria no Diario Oficial de Galicia, os interesados dispoñen dun prazo de 20 días naturais para presentar as solicitudes
Santiago, 23 de outubro de 2010.- O Parlamento de Galicia aposta pola formación práctica das personas que veñen de rematar os seus estudos e convoca oito bolsas dirixidas a licenciados e diplomados universitarios en diferentes disciplinas.
O Diario Oficial de Galicia publicou este venres as bases da convocatoria, polo que os aspirantes dispoñen dun prazo de 20 días naturais, contados a partir de hoxe, para formalizar as solicitudes.
As bases poden consultarse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia (número 334, do 15 de outubro de 2010, dispoñible en www.parlamentodegalicia.es) e no propio Diario Oficial de Galicia (www.xunta.es/consulta-do-dog).
En concreto, ofértanse cinco bolsas para a formación práctica de arquiveiros, bibliotecarios e documentalistas (dirixido a licenciados ou diplomados en biblioteconomía e documentación); unha para comunicación institucional (licenciados nas facultades de Ciencias da Comunicación ou Ciencias Sociais e da Comunicación); outra para persoal informático (licenciados ou diplomados en informática); e outra para o servizo de publicacións (licenciados en Traducción e Interpretación, rama de galego, ou en Filoloxía Galega).
Estas bolsas terán unha duración de doce meses cunha contía global de 12.000 euros brutos, suxeitos a retención.
A concesión de cada unha destas bolsas será efectuada pola Mesa do Parlamento logo da proposta efectuada por unha comisión de avaliación presidida pola presidenta da Cámara e integrada por funcionarios da institución.