Site icon Crónica3.com A Mariña

O INS informou ao goberno de Cervo que a titularidade da casa do Mar depende de Costas

Nota de prensa
CONCELLO CREE QUE A ADMINISTRACIÓN CENTRAL PRETENDE “MAREAR A PERDÍZ”  NO TEMA DA CESIÓN DOS LOCAIS DA CASA DO MAR

* A concelleira de Asuntos Sociais recibiu unha chamada do Instituto Nacional da Seguridade Social en Lugo informándolle que a titularidade das Casas do Mar dependen agora de Costas

* Armada cree que estas novas escusas da Administración central corroboran as sospeitas do grupo de Goberno local de que os socialistas de Cervo e da provincia están detrás movendo os seus fíos para dilatar no tempo a cesión destes locais

Cervo, 2 outubro de 2010.- A concelleira de Asuntos Sociais, Pilar Armada, cualificou de “pouco seria” a resposta dada polos responsables na provincia do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Lugo, en relación ás reiteradas solicitudes do Concello de cesión dos locais baleiros da Casa do Mar de San Ciprián para adicalos a usos veciñais e municipais.

Armada indicou que dende a dirección provincial do INSS se lle informou no día de onte mediante unha conversa telefónica que o devandito organismo non é competente para outorgar a cesión destes locais. “Dixéronme concretamente que agora -ao parecer- a titularidade das Casas do Mar non depende da Seguridade Social, se non que o fai da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar. Esta resposta parécenos completamente fora de lugar e creemos que raia a irresponsabilidade da Administración Central, xa que non é de recibo que despois dun ano e medio solicitando constantemente estes locais de xeito formal, por escrito e incluso mantendo xestións directas cos responsables da Seguridade Social, nos veñan agora dicindo que non é cousa deles e lles pasan a pelota a outro organismo do Estado” indicou Armada.

Para a representante do Goberno local, a información dada pola Seguridade Social en Lugo é totalmente incomprensible. “Non podemos entender como é que agora, de súpeto, se nos di que non é cousa deles. Así se comprende como vai este pais, que para conseguir unha simple firma nun papel que non lle supón ningún tipo de gasto a Goberno central -posto que nós comprometémonos a facernos cargo do mantemento do edificio- levamos loitando en despachos dende principios do 2009 sen que ninguén ata o de agora nos diga nada de forma oficial e por escrito” recalcou a edil cervense.

MOVENDO FÍOS POR DETRÁS

Así  mesmo subliñou que estas novas non fan máis que corroborar as sospeitas do grupo de Goberno local de que “moi probablemente” políticos socialistas de Cervo e da provincia poidan estar “detrás, movendo os seus fíos” para dilatar no tempo ao máximo as xestións do Concello “e impedir así a cesión destes locais para revertelos a usos de toda a cidadanía ”. “Analizando esta nova situación so cabe pensar que -si realmente existen neste concello políticos socialistas con influencia- ou ben non teñen tanta como da que presumen, ou ben utilízana para torpedear a nosa xestións e impedir que os locais en desuso da Casa do Mar revertan aos veciños deste municipio” recalcou Armada.

“Resulta moi sospeitoso que despois dun ano e medio mandando escritos, formalizando acordos plenarios, e mantendo xestións directas coa Seguridade Social intenten agora escorrer o bulto cunha conversa telefónica dun par de minutos. Non estamos dispostos a que o traballo destes últimos 18 meses non vaia para nada e se nos obrigue a iniciar de novo tódalas xestións dende cero. Non nos parece serio que pretendan agora marear a perdíz e esperamos que o INSS responda formalmente a algún dos moitos escritos que lle levamos enviado e nos diga formalmente cales son as razóns para dicirnos agora que non é cousa deles” concluíu a concelleira de Asuntos Sociais cervense.

Exit mobile version