O CONCELLO LOGRA QUE O IGVS FAGA AS OBRAS DE CENTRALIZACIÓN DOS CONTADORES DO SUBMINISTRO DE AUGA NO EXTERIOR DAS VIVENDAS DA URBANIZACIÓN VÍA LÁCTEA EN RÍO COBO
o Os contadores do subministro atópanse no interior das vivendas e por esixencias da normativa actual era necesario realizar a súa recolocación no exterior
o O grupo de Goberno local reuniuse o pasado xoves pola noite cos veciños desta urbanización para darlles a coñecer esta xestión e solicitarlles o seu permiso para poder executar as obras canto antes
o Destas obras de mellora e adecuación beneficiaranse 42 vivendas
Cervo, 30 de outubro de 2010.- Membros do equipo de Goberno local, co alcalde Alfonso Villares á fronte, mantiveron o pasado xoves pola noite no consistorio unha xuntanza cos propietarios das vivendas sociais da urbanización “Vía Láctea” de Río Cobo para informarlles das xestións levadas dende o Concello diante do Instituto da Vivenda e Solo de Galicia (IGVS) para conseguir trasladar ao exterior os contadores do subministro de auga das vivendas desta urbanización.
Segundo indicaron os responsables municipais, estas obras estaban sendo moi demandadas polos propietarios e inquilinos destes inmobles, xa que a normativa actual obriga a que os contadores do subministro de servizos públicos se ubiquen no exterior das vivendas. “Dende o Concello mantivemos diversas xestións co IGVS para lograr que sexan eles os que se encarguen de facer esta actuación e finalmente así o conseguimos” indicaron dende o consistorio, sinalando así mesmo que na xuntanza do xoves comunicaron aos veciños asistentes o froito destas xestións e aproveitaron tamén para solicitar deles a súa autorización para que podan entrar nas vivendas a realizar o traslado destes contadores.
OBRAS A REALIZAR
A urbanización “Vía Láctea” consta de 42 vivendas repartidas en 6 bloques de 7 vivendas cada un. Actualmente os contadores da auga atópanse dentro das cociñas no interior dos mobles sobre os que se asentan os fregadeiros e as encimeras de cada vivenda. As obras que se farán consistirán en levar cada unha desas acometidas ata unha centralización de contadores nun armario de aluminio lacado colocado no exterior de cada un dos bloques e protexidos baixo os voos das primeiras plantas de cada bloque.
Segundo indicaron os membros do equipo de Goberno, está previsto que os traballos comecen no transcurso da vindeira semana. O inicio concreto das obras farase público mediante a publicación dun bando que será distribuído pola urbanización e no que se lles informará aos veciños das respectivas datas das obras en cada un dos bloques.