Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo di que concellos con menos de 5 mil habitantes non están obrigados a ter Policía Local

NOTA DE PRENSA

O GRUPO DE GOBERNO LOCAL DI QUE AS DECLARACIÓNS DOS SOCIALISTAS EN MATERIA DE SEGURIDADE CIDADÁ AMOSAN O SEU DESCOÑECEMENTO NA MATERIA

* Creen que o problema da inseguridade é cada vez maior como consecuencia da errada política do goberno socialista  que leva a cifras dun 20% de paro

* Reclaman aos mandos políticos do PSOE na Subdelegación de Goberno en Lugo que ordene o reforzo da vixilancia en Cervo tras o acontecido nos últimos días

* Lémbranlles aos socialistas locais que os concellos de menos de 5.000 habitantes non están obrigados a dispoñer de Policía Local e que a seguridade cidadá nestes municipios é competencia da Subdelegación do Goberno

Cervo, 28 de outubro de 2008.-  O equipo de Goberno do Concello de Cervo referiuse hoxe ás declaracións do Psoe local nas que solicitaban un aumento da vixilancia nocturna da policía local no municipio a raíz da baga de roubos sufridos nas últimas datas. Na súa opinión as devanditas manifestacións denotan que os socialistas “desgraciadamente aínda non se decataron de por quen está gobernado este país e da realidade de inseguridade cidadá que estamos a sufrir en todos os concellos debido á nefasta política económica levada a cabo polo Goberno do Estado nos últimos anos”. Os populares amosáronse convencidos de que o problema da inseguridade é cada vez maior como consecuencia da política errada que está a desenvolver o Goberno socialista e que leva a cifras dun 20% de paro -a maior dos países europeos- e a máis precariedade. “Cada vez escoitamos máis casos de roubos coma os acontecidos no noso concello, polo que faría falta outro Goberno para cambiar esta situación de empobrecemento das familias, que entre outras problemáticas está ser o caldo de cultivo ideal para que se incremente a delincuencia e os roubos”.

ASUMINDO UN SERVIZO AO QUE NON ESTÁN OBRIGADOS

O equipo de Goberno cervense amosou a súa preocupación e da veciñanza tras a baga de roubos producidos nos últimos días “tanto no termo municipal coma no conxunto da comarca”. Explicaron que as denuncias polos roubos sufridos no concello se interpuxeron diante da Garda Civil, “polo que a Policía Local non tiña constancia delas” e reclamaron ao Subdelegado do Goberno en Lugo que reforce a vixilancia no municipio tras os últimos acontecementos.

Reiteraron que corresponde aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado incrementar os esforzos de control destas actividades criminais, para o cal é necesario unha orde política, e lembraron que corresponde ao Goberno central e aos mandos políticos do PSOE -a través da Subdelegación de Goberno- ordenar que aumente a vixilancia. Neste senso recordaron que a Lei Galega de Coordinación das Policía Locais -que entrou en vigor en abril del 2007- esixe soamente aos municipios con máis de 5.000 habitantes dispor dun corpo propio de seguridade.

“A pesares de non ter a obriga de facelo, os veciños deste concello están asumindo un servizo ao que non están obrigados coma é o de Policía Local e iso a pesar do custe que lles supón anualmente” dixeron os integrantes do Goberno cervense. Puntualizaron que o Concello nunca dispuxera dun servizo de patrullas nocturnas de Policía Local e polo tanto dificilmente se poderían ter evitado os roubos dos que se queixan os socialistas. Sinalaron ademais que o feito de dispoñer de Policía Local non implica que as forzas de Seguridade do Estado estean eximidas de cumprir coa súa labor en concellos pequenos coma Cervo. “Estamos convencidos de que os axentes da Garda Civil destacados na comarca se esmeran día a día en facer ben o seu traballo, aínda que ás veces vense desbordados pola súa reducida plantilla. Dende o Concello estamos sempre dispostos a colaborar e coordinar estes esforzos con eles, como temos demostrado en infinidade de ocasións porque sabemos que por competencias, por capacidade e por traballo sempre será a Garda Civil a que teña que intervir nestes casos”.

Exit mobile version