Nota de prensa
SAMUEL JUÁREZ INAUGUROU A XX EDICIÓN DA FESTA DA FABA DE LOURENZÁ, RECOÑECIDA COMO FESTA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO
* O pregón correu a cargo do investigador, Miguel Angel Fueyo, que tivo lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura
* Este ano celebrarase a primeira carreira popular “Val das Fabas”
Santiago, 2 de outubro de 2010.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Júarez, inaugurou este mediodía a “XX edición da Festa da Faba de Lourenzá”, acompañado polo alcalde deste municipio lugués, Vidal Martínez-Sierra López.
Tralo acto de inauguración oficial, as autoridades presentes iniciaron un percorrido polas casetas dos fabeiros para logo gozar dunha degustación da Faba de Lourenzá, acompañada con viño da D.O. Ribeira Sacra. O pregón correu a cargo do investigador, Miguel Angel Fueyo, que tivo lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura.
A festa, que se prolongará durante toda esta fin de semana, ofrece unha exposición do “20º Aniversario da Faba” e outra do “XIV Concurso Fotográfico Festa da Faba” coa posterior entrega de premios. Os visitantes desta XX edición poderán tamén gozar dunha exhibición e demostración de madeira e pedra, dun obradoiro de quiastolitas e da degustación de tapas con fabas que os establecementos hostaleiros ofrecen nestes días. Ademais este ano celebrarase a primeira carreira popular “Val das Fabas”.
Un produto de calidade
A Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá de Galicia creouse por orde do 20 de agosto de 2008, da Consellería do Medio Rural. A súa zona de produción, almacenamento e envasado abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo coñecido como A Mariña Luguesa, englobando numerosos concellos desta comarca.
As fabas comercializadas co amparo desta IXP presentan forma de ril, longo e semicheo; de cor branca uniforme e tamaño moi grande. Proceden da familia das fabáceas ou leguminosas, dentro da variedade local coñecida como Faba Galaica.