Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo deu licencia para obras no IES Gamallo Fierros e para actividade nas empresas Koodza e Merkal

Nota de prensa:
AS OBRAS DE REMODELACIÓN DO IES GAMALLO FIERROS XA CONTAN CON LICENCIA MUNICIPAL. ÉSTA FOILLE CONCEDIDA NA XUNTA DE GOBERNO DO CONCELLO NA QUE TAMÉN SE DERON AS LICENCIAS DE OBRA E ACTIVIDADE INICIAL PARA KOODZA E MERKAL CALZADOS, FIRMAS QUE SE INSTALARÁN EN VILAR.

Ribadeo, 22 de outubro de 2010. As obras de remodelación do IES Dionisio Gamallo Fierros xa contan con licencia. Ésta foille concedida na xunta de goberno do Concello na que tamén se deron as licencias de obra e actividade para as naves nas que se instalarán Koozda e Merkal Calzados en Vilar.

O alcalde de Ribadeo explicou que “na xunta de goberno aprobóuse esta licencia para as obras tan importantes de remodelación do IES Dionisio Gamallo Fierros despois de que a ultimísima hora da mañá de onte se presentaran por parte do adxudicatario as garantías e os cartos correspondentes para finalizar este procedemento. Non hai ningún problema por parte do Concello de Ribadeo para que as obras se reanuden e nada máis lonxe da nosa intención foi ter que paralas, pero todos somos iguais diante da lei e as administracións son iguais que os particulares e a mesma política que lles aplica a eles tamén a teñen que cumprir as administracións”.

Fernando Suárez engadiu que “o Concello deu tamén licencia de obra e de actividade inicial para estas dúas firmas que se van instalar nunha zona consolidada comercialmente como é Vilar, onde está Eroski, Lidl e Bricoking e dentro de pouco espérase que para a primavera do ano que ven estean en funcionamento Koodza e Merkal Calzados. Koodza é unha marca de Decathlon que está especializada en roupa deportiva e utiliza esta firma para vilas de tamaño media nas que venden as súas marcas principais e Merkal Calzados está adicada á venda de calzado a baixo prezo en réxime de autoservizo”. En total ocuparán unha superficie de 1.500 metros cadrados.

O rexedor subliñou que “ese lugar está contemplado no planeamento urbanístico para dar este tipo de licencias de obra e as actividades son regladas polo que non podemos facer outra cousa que concederlles esas licencias. Ás veces se pode pensar que a competencia pode ser boa ou mala tamén para o comercio, porque ten cousas positivas e negativas, pero tamén hai que pensar que si esto non se monta en Ribadeo nada impediría que se puidesen montar noutros concellos da Mariña ou do Occidente asturiano e iso para Ribadeo sería malo”. Suárez Barcia asegurou que “é un investimento importante o que se vai facer no noso concello e a xulgar polo que me indican os responsables destas dúas firmas crearánse un mínimo de 12 postos de traballo e desde logo é unha boa cousa para Ribadeo como centro de atracción do comercio e do sector servizos no que está destacado, dado que o sector secundario é incipiente e a través do polígono agardamos que se vaian enchendo as parcelas vacantes e o sector primario está máis vido a menos. Entendo humildemente que ésta é unha boa noticia para Ribadeo”.

Exit mobile version