Nota de prensa:
ÁLVAREZ LASTRA CONVIDA AOS GRUPOS DE RIBADEO A PARTICIPAR NO CERTAME EN MARCHA MÚSICA XOVE QUE ORGANIZA A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO. O PRAZO DE INSCRICIÓN ESTÁ ABERTO ATA O 15 DE NOVEMBRO.
A edil nacionalista Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “Ribadeo é, con Ribas de Sil, Viveiro e Monforte un dos poucos concellos onde se habilitou un espazo como local de ensaio. A escola das Anzas e o seu equipamento permiten o traballo de grupos locais e doutros que nalgunha ocasión teñen vido de concellos veciños como Foz. Aproveitando esta dinámica parécenos interesante que, dado o moito interese que hai pola música entre os mozos do noso concello, sexan quen de aproveitar estas convocatorias feitas por organismos públicos para que redunde na cultura musical da provincia”.
A concelleira de Cultura explicou que “para poderen participar, os compoñentes dos grupos ou artistas teñen que estar domiciliados nalgún concello da provincia e non estar ligados por contrato con ningunha compañía discográfica”. Hai un primeiro prazo de inscrición que remata o 15 de novembro e teñen ata o 27 de decembro para enviar unha maqueta con dous temas, un deles en galego ao enderezo da Vicepresidencia Terceira da Deputación de Lugo, Área de Benestar e Xuventude, rúa de San Marco núm. 8 de Lugo. Os interesados en participar nesta convocatoria poden obter máis información na oficina de Cultura, na casa do Viejo Pancho o una web: www.deputacionlugo.org
Álvarez Lastra engadiu que “En marcha música xove contará cuns concertos clasificatorios que van ter lugar, ademais de nas localidades con local de ensaio, na cidade de Lugo. A final será en Monforte de Lemos e editaranse 1000 cds do gañador e outros 1000 dos finalistas”.