Nota de prensa:
O CONCELLO ACOMETE A REMODELACIÓN DA PISTA DE PATINAXE NA RÚA DA VEIGA DE SAN CIPRIÁN
* O custe da actuación ronda os 58.000 euros e está financiada pola Xunta de Galicia
Cervo, 21 de outubro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, veñen de anunciar que o Concello está acometendo obras de mellora e amaño da pista de patinaxe existente nas inmediacións da estación de Feve da localidade de San Ciprián grazas a unha subvención concedida pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Segundo indicou o alcalde, o obxectivo do Goberno local é aproveitar a situación céntrica desta pista para axeitar as súas instalacións para fomentar a práctica do patinaxe e do skate entre os rapaces e rapazas do municipio.
“As actuais instalacións das que dispoñemos nesa área necesitaban dalgún que outro amaño debido ao paso do tempo. Dende hai xa tempo levabamos pedindo reiteradamente axudas á Xunta para acometer esta obra e desgraciadamente o Goberno bipartito autonómico nunca foi sensible a estas peticións. Afortunadamente isto trocou, e por iso temos que agradecer á Secretaría Xeral para o Deporte o financiamento para levar adiante esta actuación” indicou o rexedor.
Pola súa parte, Rubén Fernández sinalou que o Concello ten pensado actuar nesta parcela “para convertela nun punto de encontro da práctica deportiva espontánea dos mozos e mozas; e tamén para que se poda dispoñer dela para levar a cabo actividades programadas dende as Escolas Deportivas Municipais xunto con actividades máis específicas e propias do verán coma competicións ou probas destas especialidades deportivas” sinalou o edil de Deportes.
ACTUACIÓNS
As obras previstas teñen un orzamento de 57.887 euros e abarcarán o acondicionamento dun total de 1.880 metros cadrados de superficie. A área, ademais de ser urbanizada e valada no seu perimetro, disporá dunhas novas ramplas e elementos deportivos de formigón para a práctica do patinaxe e do monopatín (skateboard) que virán a substituír aos que existen actualmente -feitos en madeira- que debido ao seu estado impedían desenvolver a práctica deste deporte.
A actuación completarase coa construción duns novos accesos, así coma dunha nova iluminación e da canalización para a recollida de augas pluviais. Os traballos tamén inclúen o acondicionamento dos arredores e a dotación de bancos e mobiliario urbano.
“Pretendemos darlles a oportunidade aos rapaces e rapazas para que se adentren na práctica dun deporte non moi coñecido na comarca; ao tempo que lles proporcionamos unhas instalacións para que melloren a súa condición física e se afasten do sedentarismo ou dos malos hábitos” sinalou o concelleiro de Deportes. Pola súa banda, o alcalde cualificou de “prioritario” para o equipo de Goberno local as xestións encamiñadas para facilitar a práctica do deporte en tódolos ámbitos da sociedade “e por isto este novo investimento” recalcou Villares.