Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo inicia as obras de saneamento na Senra

Nota de prensa:
AS OBRAS DO SANEAMENTO DA SENRA PODERÁN ESTAR REMATADAS ANTES DO PRÓXIMO VERÁN

Cervo, 19 outubro de 2010.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, ven de confirmar que deron comezo as obras do novo saneamento para o burgo da Senra. Segundo indicou o rexedor, a principios da pasada semana tivo lugar o levantamento da acta de replanteo desta nova infraestrutura e os traballos que se están a facer nestes momentos marchan a bo ritmo. “Polo de agora xa se levan instaladas un bo número de canalizacións ao longo de todo o traxecto polo que discorrerá a nova rede de sumidoiros que dará servizo a este núcleo de poboación” indicou Villares, quen adiantou que as obras poderían estar finalizadas antes do vindeiro verán.

ACTUACIÓNS
O alcalde cervense lembrou que esta actuación ten un presuposto de 465.000 euros financiados ao 100% pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración técnico-financeira subscrito o pasado mes de abril entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

As obras consisten na construción dunha rede separativa e dunha planta depuradora de augas residuais para este o núcleo de poboación e tamén para o lugar da Pena, na parroquia de San Román de Vilastrofe. As actuacións recollen a instalación de colectores por gravidade, formando unha rede separativa de 2.875 metros de colectores de PVC para levar as augas residuais da Senra ata a depuradora principal con capacidade para 300 habitantes. Esta depuradora tamén se proxecta para recibir as augas da localidade da Pena, que actualmente carece de saneamento.

Alfonso Villares salientou a boa disposición do Goberno autonómico para levar adiante esta obra “fundamental e esencial para o noso concello, xa que para o equipo de Goberno local é prioritario que todos os núcleos de poboación do noso municipio dispoñan de infraestruturas básicas. Nese senso van encamiñadas unha gran parte das nosas reivindicacións á Xunta de Galicia e pouco a pouco vanse materializando” sinalou.

O alcalde tamén quixo agradecer a boa colaboración dos veciños da Senra “porque dende o primeiro momento se brindaron para conseguir materializar estes traballos e agora están tamén colaborando para que a obra discorra coa máxima dilixencia”.

Exit mobile version