Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo colabora coa fundación Sotavento para “fomentar un novo estilo de condución”

Nota de Prensa

UN CURSO DIVULGARÁ ENTRE OS CONDUTORES CERVENSES TÉCNICAS PARA GASTAR MENOS COMBUSTIBLE

Cervo, 22 de outubro de 2010.- A concellaría de Medio Ambiente e a Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Cervo colaborarán coa Fundación Sotavento Galicia na organización dun curso mediante o que se pretende promover un uso máis racional dos nosos vehículos.

Esta actividade -promovida polo instituto enerxético de Galicia (INEGA) e a Consellería de Industria ao abeiro do Plan de Acción da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE)- terá lugar o vindeiro 4 de novembro e impartirase no núcleo de Cervo.

“Trátase de fomentar un novo estilo de condución co que se obteñen diminucións medias de consumo de combustible de ata un 15% sobre o convencional” indicou a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Armada. Os interesados en participar poden inscribirse previamente na Casa do Concello, na Casa da Cultura de San Ciprián ou chamando ao teléfono 982 557 777 en horario de oficina. O prazo para inscribirse rematará o 3 de novembro.

Os cursos son totalmente gratuítos e están dirixidos a persoas que utilicen habitualmente un vehículo privado para os seus desprazamentos. Como único requisito, deberán ir ás clases provistos carné de conducir, así como unha fotocopia do mesmo que deberán entregar na xornada inicial. Os participantes realizarán percorridos duns quince minutos de duración acompañados por monitores especializados en técnicas de condución de baixo consumo de combustible.

Segundo os organizadores, se todos os condutores e condutoras usásemos as técnicas de condución económica, en España aforraríanse 2.555 millóns de litros de combustible, o que supón que poderían circular gratis 2,6 millóns de automóbiles e aforraríanse 2.134 millóns de euros cada ano (unha media de 136 euros por condutor).

A isto hai que sumarlle os enormes beneficios medio ambientais que pode supor realizar unha condución eficiente, logrando unha redución das emisións de CO2 de 6,3 millóns de toneladas, equivalentes a plantar 48 millóns de árbores en España, é dicir, o 20% da superficie da provincia de Pontevedra. A isto engádeselle o grave problema da contaminación acústica: o ruído provocado por un coche a 4.000 rpm, equivale ao de 32 vehículos a 2.000 rpm.

A iniciativa enmárcase nas medidas de fomento do uso eficaz dos medios de transporte que puxo en marcha o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía. Polo que respecta á Fundación Sotavento, ten como principal obxectivo a divulgación das enerxías renovables.

Exit mobile version