Nota de prensa:
O CONCELLO TEN PREVISTO ACOMETER MELLORAS DE REMODELACIÓN NO PARQUE LUIS SEOANE E ISAAC DÍAZ PARDO
*
As obras teñen un orzamento de 60.000 euros e serán financiadas pola Consellería de Presidencia cunha axuda de 43.000 euros
*
As actuacións permitirán ampliar a superficie de céspede e a creación dunha zona de abrigo; ademais de mellorar a seguridade da área de xogos.
Cervo, 31 de outubro de 2010.- O Concello de Cervo ten previsto acometer nas vindeiras datas obras de mellora e remodelación do parque Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, ubicado no núcleo de Cervo.
As obras terán un orzamento estimado de 60.000 euros e serán financiadas pola Xunta de Galicia e o Concello de Cervo. Teñen por obxecto restablecer unha serie de anomalías derivadas do seu uso cotián despois de seis anos dende a súa inauguración. Dentro destes cambios se inclúe a supresión dos aterrazamentos con escalinatas que existen actualmente para gañar en espazo e para mellorar a seguridade dos usuarios. Tamén está previsto acometer a ampliación da superficie de céspede mediante a supresión da zona da praza con pavimento en madeira, en mal estado debido ao seu uso e ao paso do tempo. Esta actuación tamén incluirá a creación de zonas de sombra e abrigo para o resgardo da xente. No que atinxe á zona de xogos mellorarase a súa protección coa colocación dun novo valado perimetral.
“Pensamos que esta é a solución máis axeitada para conseguir o obxectivo de mellorar esta zona verde para que a xente de Cervo e do resto do concello podan facer un uso máis racional del. A eliminación dos distintos niveis e da zona da praza con pavimento en madeira que está en mal estado vainos permitir gañar en superficie para aumentar a zona de céspede e para crear unha zona de abrigo” sinalou ao respecto o alcalde, Alfonso Villares. “Eramos coñecedores das necesidades de modificar esta zona de lecer e as solucións propostas recollen unha boa parte das inquedanzas e suxestións apuntadas polos propios veciños para a súa mellora” concluíu o rexedor.