Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FSF disputa o segundo asalto dunha semana atafegada en Valladolid

Nota de prensa:
O ANIMOSO BURELA FSF DISPUTA O SEGUNDO ASALTO DUNHA SEMANA ATAFEGADA EN VALLADOLID

O Burela FSF Pescados Rubén visitará mañá a pista do Valladolid, a segunda das tres citas ás que ten que facer fronte nunha semana moi atafegada. Sen apenas descanso, o cadro de Javier Pardeiro saltará á pista castelano-leonesa moi animado, tras a súa primeira vitoria como local, o sábado, ante o Natudelia.com Zaragoza (5-2). O pavillón Pilar Fernández Valderrama acollerá a quinta xornada de Honra, a partir das 12.30 horas.

Espectáculo e rivalidade promete a cita de mañá, algo ao que xa nos teñen acostumados os duelos entre valisoletanas e galegas. Ambos os conxuntos, que na tempada 2009-10 xa pelexaron polo último billete para a Copa de España, en favor das laranxas, volven cruzarse cun inicio ligueiro moi parello. Os 6 puntos ocupan a cuadrícula dos dous equipos nunha zona moi apertada da táboa; entre a quinta praza valisotena e a novena burelista, tamén están o Cidade das Burgas, Natudelia.com Zaragoza e Soto de Real.

As pupilas de Javier Pardeiro deberán suplir o cansazo que arrastran e a escasa amplitude de vestiario cunha lectura intelixente do partido porque, tal e como reflicte a súa traxectoria, a fortaleza das valisoletanas reside na casa, con dúas vitorias de dous encontros (Diamante Rioja 3-1 e Soto del Real 5-1).

Xornada 6. O cadro laranxa feminino volverá a Vista Alegre o sábado 16 para medirse ao Soto del Real madrileño (18.30 horas).

Exit mobile version