Nota de Prensa
ADRI GAONA SÚMASE Á BAIXA DE VÍCTOR CACHÓN PARA A CITA BURELÁ ANTE O TOBARRA ALBACETEÑO
O Burela FS partirá esta noite con Albacete como destino para enfrontarse ao Restaurante Frontera Tobarra, rival que leva sen coñecer a vitoria dende a primeira xornada. Para a sexta xornada, Adri Gaona súmase á xa coñecida baixa de Víctor Cachón, no vestiario laranxa; o ala-peche gaditano manterase apartado da competición ligueira uns días por unha microrrotura no músculo recto interno.
O sábado, a partir das 17.30 horas, o pavillón tobarreño La Granja medirá os oito anos de experiencia en Prata dos burelistas ante os albaceteños, na súa segunda campaña da categoría. Con 8 puntos no seu poder, o cadro de Suso Rey saltará á pista co obxectivo de facerse coa primeira vitoria a domicilio da tempada e así manterse na zona media-alta da táboa. O Tobarra, cun partido menos, pelexará por recuperar a senda triunfal; dende a estrea de tempada en Eivissa (2-4), o Tobarra tivo que conformarse coa ausencia de puntos ante Zamora (1-4), Puertollano (5-2) e Navarra (5-0).
Xornada 7. Os mariñáns disputarán a sétima cita de Prata sen apenas descanso. O martes, 12 de outubro, recibirán a ElPozo Ciudad de Murcia en Vista Alegre, a partir das 18.30 horas.