Nota de Prensa
OS LARANXAS RECIBEN A ELPOZO CIUDAD DE MURCIA DENDE A QUINTA PRAZA
Os pupilos de Suso Rey intentarán asentar na bomboneira a liña evolutiva que vén desenvolvendo o equipo nos últimos encontros. Pasiño a pasiño o Burela FS está logrando construír un camiño sólido; con tres vitorias e dous empates, os mariñáns mantéñense invictos dende a segunda xornada.
Nesta cita, a escuadra burelista deberá saber espremer o crecemento que sempre experimenta na casa, rodeada da gran marea laranxa, ante un rival ao que non lle vai nada ben ser visitante; no que vai de tempada os murcianos tan só puideron puntuar como locais (Eivissa 7-4 e Albacete 3-3).
Para mañá repetirán ausencia Víctor Cachón, que se recupera dunha rotura de ligamento lateral interno, e Adri Gaona, apartado estes días das pistas por unha microrrotura no músculo recto anterior.
Xornada 8. A terceira cita dos burelistas nesta esixente semana será o domingo 17 en terras estremeñas, ante o Cáceres 2016 (12.00 horas)