Nota de prensa:
O BNG DE FOZ VE NECESARIO AMPLIAR A ESCOLA INFANTIL DE FOZ
“Son necesarias máis prazas e iso conséguese facendo unhas pequenas obras de acondicionamento” asegura González Basanta, portavoz nacionalista
Foz a 27 de outubro de 2010.- O BNG solicita do Concello e da Xunta de Galiza que se poñan de acordo en ampliar o número de prazas da Escola Infantíl de Foz. Para o BNG isto sería posible con unhas obras de acondicionamento e mellora da actual Galescola que non suporían demasiados custes.
A Galescola de Foz, situada no antigo Hotel Bahía, conta actualmente con 4 unidades de infantil no que están 54 nenos e nenas de idades entre 0 e 3 anos. Aínda así, numerosas familias non poden facer uso deste servizo polo límite de prazas da escola infantil. Nestes momentos a lista de agarda é de 26 persoas, sobre todo de nenos e nenas de 1 a 2 anos.
Cando se realizou a obra desta escola infantil, grazas á colaboración entre Concello de Foz e Xunta de Galiza, o piso superior quedou sen acondicionar e sen dotalo dos medios necesarios para habilitalo como aula onde os nenos e nenas puideran desenvolver as súas actividades. Da mesma maneira, deixouse a terraza do edificio sen as medidas de seguridade oportunas e sen pechar, co que se limita grandemente o seu uso, sobre todo no inverno.
Desde o BNG vemos necesario seguir mellorando un servizo básico para os veciños de Foz e da Mariña e que repercute tan positivamente na educación dos máis pequenos así como nas condicións de vida dos seus pais e nais.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG presentou unha moción en Pleno para instar ao Concello e a Xunta de Galiza para que se poñan de acordo en acondicionar o piso superior da escola infantil de Foz, situada no antigo Hotel Bahía e dotalo dos medios necesarios para o seu uso como aula. Así mesmo, na mesma moción faise un chamamento ao Concello e a Xunta de Galiza para realizar o peche da terraza e o seu acondicionamento para a súa utilización como aula do centro onde os nenos e nenas poidan estar aínda con mal tempo e de forma segura.
Neste sentido tamén o BNG presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta de 2011 para que contemple a realización destas obras cunha partida finalista de 200.000 euros.