Nota de prensa
O BNG mariñao presenta emendas parciais aos orzamentos do Estado para 2011 focalizando as súas demandas principais na parálise das infraestruturas viarias de competencia estatal
Veiga denuncia que os constantes retrasos na execución da A-8 e o Corredor da Costa provocan desemprego e imposibilitan o desenvolvemento económico da comarca
Os nacionalistas anuncian que aínda rexeitando estes orzamentos por ser regresivos e antisociais non descartan melloralos
A Mariña, 29 de outubro de 2010. O BNG mariñao anunciou a presentación de emendas aos Orzamentos do Estado 2011 focalizando o groso das súas demandas no incremento das partidas económicas previstas nas infraestruturas de comunicación de competencia estatal que ademais de sufrir recortes en relación á previsión plurianual dos orzamentos 2010 para este exercizo de mais de 57 millóns de euros auguran o remate da A-8 para mais alá do 2015 e sen data prevista para o corredor de conexión entre Barreiros e San Cibrao que aínda está no trámite de redacción. O BNG insistiu en que nun momento de crise como o actual a falta de investimento nestas infraestruturas agravará a situación de desemprego na comarca e deixará nunha difícil situación pequenas empresas que arriscaron investimentos para acceder a sub contratas na A-8.
Co ritmo inversor de Fomento no corredor da Costa e na A-8 estas infraestruturas non estarán rematadas antes do 2015 e este parón provocará un incremento do desemprego na comarca.
Os nacionalistas pretenden corrixir coa presentación destas emendas o déficit en infraestruturas de comunicación existentes na comarca esencialmente polos constantes incumprimentos dos gobernos estatais do PP e PSOE con esta comarca e co conxunto da provincia. O recorte de mais de 57 millóns de euros que o Ministerio de Fomento lle aplica a ás previsións de investimento para 2011 recollidos nos orzamentos 2010, deixan claro o pouco que lle importa ao ministro lugués, José Blanco os problemas desta comarca. Para o portavoz Comarcal Nacionalista, Antonio Veiga, “non e de recibo que, aínda nun escenario xeral de recortes orzamentarios, sexa unha vez mais o norte galego quen pague os pratos rotos da crise aplicando recortes na execución de infraestruturas de mais do 50 por cento.”. Veiga anunciou que o BNG mariñao tramitou a través do Grupo Parlamentar nacionalista no Congreso emendas que pretenden corrixir esta situación e adiantar o remate da A-8 e a Autovía entre Barreiros e San Cibrao, “non só para corrixir un agravio histórico senón tamén para evitar o medre do desemprego na comarca e a complicada situación de moitas pequenas empresas que acudiron á sub contrata da A-8 e agora ven perigar os seus investimentos”.
47 millóns mais dos previstos actualmente para incrementar as partidas previstas na A-8 e no Corredor da Costa entre Barreiros e San Cibrao.
Antonio Veiga concretou as partidas a incrementar nas previsións orzamentarias do Ministerio de Fomento naqueles tramos da A-8 que acumulan maior retraso e cuxas previsións de remate estaban orzamentadas no 2010 para o seu remate no 2011 e que agora figuran no orzamento actual para o 2012 ou seguintes, así no tramo Barreiros-Vilamar presentase unha emenda por 5,8 millóns de euros, no tramo Vilamar-Lourenzá por 5,34 millóns, no tramo Lourenzá-Mondoñedo por 4,09 millóns, no tramo Mondoñedo-Lindín para modificación do proxecto por 500.000 euros, no tramo Lindin-Carreira por 20 millóns, no tramo Touzas- Vilalba por 6,5 millóns e no tramo Carreira-Abadín por 4,34 millóns; no caso da Autovía de conexión entre Barreiros e San Cibrao preséntase unha emenda para redacción do proxecto construtivo por 464.000 euros.
O BNG non descarta a mellora destes orzamentos a pesar de pedir a súa devolución por ser regresivos e antisociais nun momento de crise como o actual.
Os nacionalistas moi críticos coa política regresiva e antisocial insisten en que “nun momento como o actual a administración pública debe tirar da economía e non seguir ao ditado as receitas neoliberais do FMI ou da UE”, neste sentido concretaron que os orzamentos 2011 levan á practica a recortes en gasto social, educación, recortes no poder adquisitivo de amplas capas da sociedade, conxelación das pensións agás as non contributivas, rebaixa no investimento en dependencia do 5,2%, rebaixas no investimento público en sectores productivos e infraestruturas, etc. Aínda pedindo a súa devolución e rexeitando frontalmente a política económica do goberno do Estado, Veiga non descartou que o traballo do BNG no Congreso dos Deputados e no Senado consiga mellorar as contas do Estado en investimento real na comarca, “nos non estamos no Congreso para seguir os ditados da estratexia electoral dunha dirección política allea a Galiza, imos para traballar e conseguir melloras concretas e palpábeis no noso país”.