Nota de Prensa
O BNG instará ao pleno municipal a acordar a petición de consignación orzamentaria suficiente para acometer no 2011 o dragado da presa de Rúa
O BNG acusou ao alcalde de Cervo de ocultar aos veciños a negativa da Xunta a dragar a presa de Rúa que estaba prevista no proxecto de abastecemento de auga a Cervo e Burela
A falta de dragado reduce a súa capacidade e para abastecer aos dous concellos por gravidade e obrigará a acudir ao bombeo dende mais do previsto inicialmente
Os nacionalistas temen que o incumprimento deste compromiso vaia incrementar o prezo dos recibos de auga
Cervo, 29 de outubro de 2010. O BNG de Cervo acusou ao alcalde de Cervo de ocultar aos veciños a negativa da Xunta de Galiza a executar o dragado da presa de Rúa tal como estaba contemplado no proxecto redactado en 1999 para garantir o subministro de auga aos concellos de Cervo e Burela após a segregación deste último en 1995. Os nacionalistas lembran que esta obra entre outras era parte da compensación para manter servizos en ambos municipios logo da segregación. O dragado da presa permitiría abastecer en condicións normais aos dous municipios por gravidade e só en casos excepcionais se acudiría ao bombeo dende o embalse de Río Covo polo importante incremento no gasto enerxético que podería ter repercusións no prezo dos recibos.
Os nacionalistas piden un acordo plenario que garanta a execución do proxecto de abastecemento na súa totalidade.
O BNG pedirá ao pleno municipal un acordo mediante o cal se solicita a consignación nos orzamentos 2011 da Xunta de Galiza dunha partida económica suficiente para acometer o dragado da presa de Rúa tal como estaba previsto no proxecto inicial de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela, tal como xa foi aprobado polo pleno de Burela.
Villares prefire tapar os incumprimentos da Xunta que defender os intereses dos seus veciños e veciñas.
Os nacionalistas cervenses esixiron ao goberno municipal que se poña ao servizo dos seus veciños e non traten de tapar o incumprimento por parte do actual goberno Xunta de Galiza dunha parte fundamental do proxecto de abastecemento aos concellos de Cervo e Burela no que se incluía o dragado da presa de Rúa para gañar capacidade e calidade da auga, permitindo en condicións normais o abastecemento por gravidade aos dous concellos desde este punto para evitar os importantes custes de bombeo dende o embalse de Río Covo, aos que so excepcionalmente se acudiría en caso de seca. “Si antes era fundamental o dragado en Rúa para gañar calidade na auga e evitar sobrecustes de explotación, agora debería ser igual e si hai cambios Villares ten que dar explicacións”.
Non executar o dragado en Rúa pode repercutir no prezo dos recibos por consumo ao incrementarse os custe de explotación.
A negativa da Consellaría de Medio Ambiente a executar o dragado incluído no proxecto inicial débese á obriga de transportar os lodos acumulados en Rúa a un xestor autorizado ao non permitirse o seu depósito nun vertedoiro, tal como estaba previsto con anterioridade, o que incrementa o proxecto en 1,7 millóns de euros. “Para o BNG o proxecto inicial debe ser executado na súa totalidade xa que coa calidade e salubridade da auga non valen recortes orzamentarios, mais tampouco cando estes recortes poden repercutir directamente nos petos dos usuarios do servizo”, sinalou o portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa. Neste sentido Estúa recalcou que os maiores custes de explotación, aínda sen cuantificar, serán os de bombeo dende a captación da presa de Río Covo ao depósito da Senra, que no proxecto inicial estaba previsto so excepcionalmente e si se incrementa o resultado derivará nun aumento dos recibos por consumo.