Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG “replica ao PP que Foz non necesita salvadores”

Nota de Prensa

BASANTA REPLICA AO PP QUE FOZ NON NECESITA SALVADORES

“Se tiveron que falar con Farjas para que seguira a ambulancia entón quere dicir que se ía a eliminar”

Foz, 21 de outubro de 2010.- O BNG sae ao paso das críticas lanzadas polo deputado o Sr. Balseiro e o PP local sobre o asunto da ambulancia medicalizada.

Para Basanta, a reacción desproporcionada do PP diante da noticia –finalmente certa e contrastada- da finalización do contrato da ambulancia medicalizada, obedece máis a unha operación de lavado de cara que doutra cousa e pon en evidencia de cales eran as verdadeiras intencións da Xunta respecto a este servizo.

Para o portavoz nacionalista, queda constatado que o prazo do contrato coa empresa da ambulancia medicalizada finalizaba o 30 de setembro e que a Xunta non lle renovou o contrato, sen dar aínda ningunha explicación. Finalmente parece que se prorrogou en dúas ocasións por 15 días ata fin deste mes. O PP local afirma que tiveron que acudir á Conselleira de Sanidade para conseguir segundo eles renovar o contrato e o compromiso de que o servizo se mantiña. Polo tanto, está claro que a intención da Xunta era non facelo e deixar á Foz e á Mariña sen ambulancia medicalizada, pois doutra maneira estaría feito antes da finalización do contrato.

Pero a maiores, o BNG ten que dicirlles a todos aqueles que van de salvadores de Foz que Foz non necesita salvadores e que son as institucións as que teñen o deber de xestionar os servizos públicos e asegurarse de que se manteñan e funcionen correctamente. E cando un servizo é necesario e salva vidas, como neste caso, non se pode querer vender xestións da súa continuidade cando todo o mundo ten claro que debe ser un servizo permanente.

Exit mobile version