Nota de Prensa
O BNG DE FOZ XUNTO CON TODA A CORPORACIÓN MUNICIPAL ESTA CONVOCADO A UNHA REUNIÓN CON BOROBIO PARA FALAR DO POL
O PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL CLASIFICA COMO SOLO RÚSTICO TODAS AS PARROQUIAS
Foz, 19 de outubro de 2010.- Este mércores, día 20 de outubro, ás 11:00 h. o BNG de Foz, xunto con toda a Corporación Municipal máis os técnicos, está convocado a unha reunión co Director Xeral de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, o Sr. Borobio, para falar do Plan de Ordenación do Litoral (POL).
Nesta reunión o BNG vai a plantexarlle ao Sr. Borobio a aclaración de porque o POL no recoñece o planeamento urbanístico do Concello, deixando a máis de 3.000 vivendas fóra de ordenación e hipotecando o desenvolvemento urbanístico do Concello, pregunta que xa se realizou no Parlamento o pasado día 7 de outubro para que contestara o Conselleiro.
Segundo ten denunciado xa o BNG de Foz, o planeamento urbanístico que aparece na cartografía do POL non se corresponde co planeamento municipal do Concello conforme ao cal se procederon a outorgar licenzas urbanísticas desde os últimos vinte anos. Dáse así o caso que non aparece delimitado en todo o Concello nin unha soa bolsa de solo de núcleo rural ata o punto de que as áreas de solo que tiñan esa clasificación urbanística nas parroquias de Cangas, Nois, Fazouro, Cordido, Vilaronte e San Martiño, aparecen clasificadas no POL como solo rústico de protección ordinaria.
Tampouco se entende como aparecen tres bolsas de solo urbanizable en Cangas, Vilaronte e Fazouro que non existen xa no planeamento municipal desde a modificación puntual do ano 1990 ou como se clasifica os terreos do Parque Empresarial de Fazouro como solo urbanizable non delimitado cando ten un Plan Parcial aprobado definitivamente desde 2003 co seu proceso de urbanización rematado, executado e ocupado na case a súa totalidade.
As consecuencias do POL, se é aprobado tal e como está actualmente, son para Foz moi graves pois significa a súa hipoteca urbanística para moitos anos, sobre todo nas parroquias. Por iso, pedirase da Xunta unha rectificación respecto dos núcleos rurais e dos urbanizables.