Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz cualifica de lamentable o estado da pista municipal de skateboard

Nota de prensa

O BNG DE FOZ DENUNCIA O ESTADO LAMENTABLE DA PISTA DE SKATEBOARD

Foz a 2 de outubro de 2010.- O BNG de Foz denuncia o estado tan lamentable no que se atopa a pista de skateboard situada na explanada do porto e que é utilizada por numerosos rapaces e rapazas, non só de Foz senón doutras localidades da Mariña que veñen a Foz para usar esta pista.

Para o portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta, “cando se fai unha cousa hai que tela en condicións, senón mellor non facela”. A pista de skateboard instalouse no ano 2006 e desde aquela non tivo ningún tipo de mantemento. É dicir, máis de catro anos sen o mínimo mantemento dunhas instalacións deportivas que son moi frecuentadas e usadas pola xuventude. Actualmente a pista sofre moitas deficiencias como son bordes dos módulos roídos, a falta de varandas, o deterioro do pavimento con rugosidades e fendas, a falta de limpeza das pistas, etc. Fronte a esta situación, os mozos e mozas están moi molestos á vez que preocupados polo perigo que o seu mal estado trae consigo.  “Se hai algún accidente grave por motivo de non ter as instalacións en condicións a responsabilidade será sen dúbida do grupo de goberno pois están máis avisados” declara Basanta.

Segundo o BNG a imaxe que está a dar esta instalación deportiva é unha mostra máis da incapacidade e da pasividade do grupo de goberno municipal na resolución dos asuntos municipais, por estar máis ocupados nas súas leas internas e en aparentar normalidade en vez de ocuparse dos problemas dos veciños. González Basanta, o portavoz municipal do BNG, replícalle ao alcalde que “como é posible ter as instalacións neste estado tan lamentable e andar presumindo de boa xestión”.

Por eso, o BNG insta ao alcalde amañar con urxencia a pista de skate para que se poida practicar este deporte polos nosos xoves con total seguridade e nas mellores condicións.

Exit mobile version