Nota de Prensa
O BNG DE FOZ DEFENDE O MANTEMENTO DO NOITEBUS QUE O PP QUERE SUPRIMIR
“As viaxes do Noitebus salvaron moitas vidas de mozos e mozas” afirma Basanta
É lamentábel, á par que unha irresponsabilidade, escoitar do Presidente do Goberno Galego que “este é un servizo que resulta innecesario nun momento de dificultades económicas”, cando persoas expertas nesta materia fixeron público o seu desacordo nestes mesmos días. A propia Dirección Xeral de Tráfico (DGT) afirma que “este servizo ten demostrado a súa eficacia, ademais de contribuír a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura”. Tamén a plataforma Stop Accidentes uniuse a estas manifestacións para cualificar a pretensión do goberno do PP de “desastre”, para engadir que “sempre é máis barato previr que lamentar”.
O BNG considera un auténtico desatino a intención do PP e o anuncio feito polo Presidente da Xunta. Os fondos destinados a previr os accidentes e dar servizos á xente nova non poden considerarse un dispendio. Por outra parte o custe do servizo é perfectamente asumíbel pola Xunta de Galiza. No ano 2010 a Xunta dedicou ao Noitebus pouco máis de 4,5 millóns de euros, unha cifra que representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Un investimento moi inferior ao gasto que o goberno do PP está a facer en propaganda e publicidade desde a Xunta de Galiza. O normal é que os recortes se realicen en propaganda ou protocolos e non en servizos que cumpren unha función social evidente. A Xunta de Galiza debe rectificar esta decisión e manter o funcionamento dun servizo que ten demostrado a súa necesidade e utilidade.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG de Foz rexistrou unha moción para aprobar polo Pleno no que insta á Xunta de Galiza a manter o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (Noitebus), sen aplicar ningunha redución das rutas existentes e mellorando a súa dotación e funcionamento no conxunto do territorio galego.