Nota de Prensa
O BNG DE FOZ CRITICA A DECISIÓN DO PP DE SACAR A AMBULANCIA MEDICALIZADA
Para Basanta “o PP estase rindo de todos os veciños de Foz”
Foz, 16 de outubro de 2010.- O BNG de Foz critica duramente a decisión da Consellaría de Sanidade da Xunta de eliminar o servizo de ambulancia medicalizada do Centro de Saúde de Foz se son certas as noticias publicadas hoxe.
En primeiro lugar o BNG critica a forma na que todos nos enteiramos da noticia, pois non é de recibo que dunha decisión deste calibre non tivera coñecemento ninguén, nin tan sequera os propios afectados. “Estou seguro que nin o PP da Mariña nin o PP de Foz sabían desta decisión ou se a sabían é imperdoable que non o dixeran e mostraran a súa desconformidade”, afirma González Basanta, portavoz municipal.
Para o BNG “é vergonzoso que se poida xogar así coa xente e utilizar un servizo público de forma tan perversa”. O PP anunciara a posta en marcha deste servizo en maio deste ano e ata agosto non entrou en funcionamento. Daquela o Sr. Balseiro e o PP de Foz vendera “a bombo e platillo” este servizo como trato preferente para o noso pobo e como xustificación da preocupación que o seu partido tiña pola sanidade en Foz. Despois de apenas tres meses o PP decide, sen dar ningún tipo de explicacións, retirar a ambulancia medicalizada do Centro de Saúde. Basanta increpa aos representantes do PP sobre “que teñen que dicir agora os que tanto falaron antes? Gostaríanos saber que opinan e se eran coñecedores desta decisión”.
Desde o BNG queremos expresar o noso rexeitamento á forma tan frívola con que se tratou este asunto por parte da Xunta e do PP ao mesmo tempo que solicitar unha aclaración e unha rectificación da decisión de eliminar o servizo de ambulancia medicalizada con base en Foz.