Nota de Prensa
FERNANDO SUÁREZ MANTIVO UN ENCONTRO CON RESPONSABLES DE PATRIMONIO PARA SEGUIR AVANZANDO NO PXOM. O REXEDOR AGARDA QUE EN BREVE O DOCUMENTO CONTE CO VISTO BÓ DA XUNTA.
Ribadeo, 6 de outubro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, mantivo esta mañá un encontro en Santiago con responsables de Patrimonio para seguir avanzando no PXOM. Analizaron o informe desfavorable emitido no seu día pola Xunta e as soluccións aportadas desde o Concello e desde Eptisa, a empresa redactora do documento. O rexedor agarda que en breve o plan xeral conte co visto bó da Xunta.
Suárez Barcia contou que “no día de hoxe tanto o alcalde de Ribadeo, como os representantes da empresa Eptisa, redactora do PXOM, e o arquitecto municipal mantivemos unha nova xuntanza cos responsables de Patrimonio na Xunta para continuar revisando e avanzando nestes puntos que separaban o que era a tramitación do plan xeral, o que era a proposta que o Concello facía, co informe desfavorable emitido no seu momento”.
O rexedor sinalou que “non é a primeira xuntanza, xa levamos varias, e agora citados outra vez pola Xunta mantivemos un novo encontro con vontade de diálogo, debo valoralo moi positivamente polas dúas partes, pero sobre todo pola que ten que informar no seu momento favorablemente que é a Dirección Xeral de Patrimonio. O informe era moi intenso, a empresa redactora leva traballando nel moito tempo e agora estamos presentando resultados desta elaboración para coñecer cómo o van vendo os responsables de Patrimonio. Eles recoñecen avances de cara a que no menor tempo posible o PXOM de Ribadeo poida contar cun informe favorable, requisito sine qua non para poder seguir a tramitación cara a unha aprobación definitiva”.
Fernando Suárez manifestou que “seguimos traballando niso, quedamos emprazados para manter un novo contacto en canto se poida, por estes asuntos pendentes como o Camiño de Santiago, o acceso á circunvalación, etc, nos que sí que se notan avances, pero hai que continuar traballando neles. Todo isto por unha banda e pola outra, a empresa redactora tenta avanzar para adaptar o PXOM ás novas directrices da modificación da lei do solo de Galicia de hai moi pouquiños meses e cando vando vaia tendo traballo listo para revisar voltaremos a convocar a todos portavoces dos diferentes grupos para seguir traballando na elaboración e aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal”.