Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo explicará nas parroquias as axudas para corrixir impactos visuais ou medioambientais

Nota de Prensa

FERNANDO SUÁREZ EXPLICARÁ POLAS PARROQUIAS A CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA DE AXUDAS PARA PROCEDER A CORREXIR IMPACTOS VISUAIS OU MEDIOAMBIENTAIS NOS CONCELLOS QUE FORMAN PARTE DA RESERVA DA BIOSFERA.

Ribadeo, 18 de outubro de 2010. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicará a partires do vindeiro venres polas parroquias a convocatoria extraordinaria de axudas posta en marcha pola asociación de concellos da reserva da biosfera río Eo, Oscos e Terras de Burón para proceder a correxir impactos visuais ou medioambientais.

Suárez Barcia explicou hoxe que “dentro destas importantes actuacións que temos xa aprobadas nas correspondentes xuntas directivas desta importante asociación de concellos da reserva de biosfera, 7 asturianos e 7 galegos, en función deste convenio asinado hai pouco onde diversificamos os 2 millóns de euros para investir en implantación de banda ancha e noutras cuestións, tamén designamos unha partida importante para facer algo similar ao que hai catro anos fixemos o Leader Ribadeo- Castropol e o Leader Oscos-Eo. Destinamos 600.000 euros para financiar unha parte importante do custe total de obras que axuden a correxir impactos visuais ou medioambientais existentes na actualidade para conseguir unha mellora do entorno tanto ambiental como paisaxística”. O rexedor sinalou que “isto está referido ao amaño ou demolición de construccións anexas á residencia habitual do solicitante, outorgándose especial relevancia á substitución de cubertas de fibrocemento (uralita), tamén hai outra liña clara de restauración de construcción de tipo tradicional ou que poidan ter interese etnográfico como palleiras, adegas, cabazos, etc, e unha terceira liña fórmana as obras de corrección de impactos visuais”.

Segundo Fernando Suárez “o interesante de todas estas axudas é que terán un límite máximo en diñero de 6.000 euros e unha posibilidade de financiación de ata o 50%. Aquí o único que a xente ten que ter claro é que o prazo para facer as solicitudes correspondentes remata o vindeiro 30 de novembro e que serán tratadas por estricto orde de rexistro de entrada nos concellos. Todas aquelas persoas propietarias dalgún cabazo, dalgún caseto que queiran demoler porque estorba ou porque xa non ten uso, aqueles que queiran remozar con lousa, con pedra ou que queiran lucir un caseto que teñen de ladrillo desde hai 30 anos… ese tipo de cousas poden ter financiación. Os interesados poden dirixirse á oficina de rehabilitación do Concello para obter máis información, pero que lembren que o prazo é limitado, entramos 14 concellos e cando se acabe a partida non haberá máis prórrogas”.

O alcalde de Ribadeo dará charlas explicativas polas parroquias do concello sobre estas axudas. A primeira será o vindeiro 22 de outubro ás 20:30 horas en Vilaselán, en Piñeiro terá lugar o domingo 24 de outubro ás cinco da tarde. As charlas seguirán o 25 en Vilaframil ás 20:30 horas, o 26 no Círculo Habanero da Devesa ás 20 horas e en Cinxe ás 21:30 horas, o 27 de outubro será en Piñeira ás 21:00 horas, en Ove o 28 ás nove da noite, en Vilausende o venres 29 tamén ás nove da noite e en Rinlo o 31 de outubro á saída da misa. As charlas do alcalde continuarán o 2 de novembro en Cedofeita ás nove da noite, o día 3 en Couxela ás nove da noite, o 4 de novembro ás 20:30 horas en As Anzas e ás 21:30 horas en Vilela, o día 5 será en Covelas ás nove da noite, o 7 de novembro en Remourelle á saída da misa, o 8 en Arante ás 21 horas e rematan o 9 de novembro tamén ás nove da noite en Noceda.

Exit mobile version