Nota de prensa:
FERNANDO SUÁREZ DESTACOU O GRANDE ÉXITO DE PÚBLICO E DE PARTICIPACIÓN NA FEIRA DE PRODUTOS DA HORTA.
Ribadeo, 11 de outubro de 2010. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, destacou o grande éxito de público e de participación na feira de produtos da horta que se celebrou onte na vila.
O rexedor subliñou que “un ano máis, e con éste xa van oito, celebróuse con enorme éxito de público e de participación esta feira de produtos de horta que facemos entre a asociación A Sucadoira e o Concello e este ano contamos coa financiación económica importante da Deputación Provincial de Lugo”. Suárez Barcia explicou que “o día de onte amenceu con ganas de chover, pero finalmente as nubes marcharon e quedou unha xornada magnífica e todo o mundo aproveitou para pasar a comprar, a degustar os produtos de horta que amablemente cederon os produtores para que se puidesen elaborar de diferentes maneiras e así o público que exerceu como cliente e comensal puido degustar todos eses produtos de primeirísima calidade, feitos desde un punto de vista artesanal cun mimo e cunha adicación espléndidos”.
Con esta feira de produtos da horta “o que se trata é de poñer en valor o traballo de toda esta xente, de todos estes artesáns da horta e doutros que acudiron con embutidos, conservas, salazóns… e de poñer tamén en valor estes produtos no marco incomparable deste noso benquerido Ribadeo que é un lugar comercial por excelencia e que a pesares de que non era verán e de que non houbo moitos turistas, os veciños da vila, da Mariña e do Occidente asturiano recalaron un domingo más en Ribadeo para participar neste mercado de produtos da horta”, segueu a relatar o alcalde. Arredor de 2.000 persoas acudiron a esta cita.
Despois desta feira retorna a actividade do mercado dos domingos xa o segundo domingo de cada mes durante o outono, o inverno e a primavera e despois no verán de 2011 será todos os domingos.