Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo non comparte criticas sobre a construción dunha goleta

Nota de Prensa

VILLARES CREE QUE AS CRITICAS SOCIALISTAS SOBRE A CONSTRUCIÓN DUNHA GOLETA EN SAN CIPRIÁN SON UNHA MOSTRA MÁIS DO EMPEÑO DO PSOE EN QUERER MARXINAR A CERVO DE INVESTIMENTOS PÚBLICOS

* O alcalde lémbralle aos membros do PsdeG que fixeron declaracións sobre este tema que a Xunta bipartita adicouse a torpedear a chegada de axudas públicas coa conivencia dos socialistas locais

Cervo, 23 de outubro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, dixo hoxe que as criticas dos representantes do PsdeG na comarca da Mariña sobre a construción dunha goleta na vila de San Ciprián promovida en base a un proxecto da Consellería do Mar para a recuperación das técnicas da carpintería de ribeira tradicional reflicten “a política de hostigamento e de marxinación á que nos ten acostumados o partido socialista en todo o que teña que ver co Concello de Cervo”.

Para Villares, as declaracións dos dirixentes socialistas son unha boa mostra “do moito que leva loitado ese partido -e en especial a agrupación de Cervo-” para procurar que non chegara a este concello ningunha axuda de carácter público. O rexedor afondou no seu argumento asegurando que o Goberno bipartito da Xunta e a Administración do Estado torpedearon “coa conivencia dos socialistas de Cervo” obras previstas para este municipio coma a ubicación do parque de bombeiros comarcal ou parque empresarial no entorno de Alcoa. “Tamén foron eles os culpables de deixar a medias a obra do pavillón do CEIP de Galdín e os que lle escamotearon dous millóns de euros a San Ciprián cando decidiron de xeito unilateral rescindir a adxudicación do saneamento desta vila; ademais de perpetrar a perda de 150.000 euros de ingresos anuais neste concello pola decisión do Goberno socialista de Madrid de rebaixar o valor catastral de Alcoa. Se isto é traballar a prol de Cervo, mellor é que non fagan nada” recalcou o mandatario local.

Para o alcalde a realización deste traballo de recuperación das técnicas de carpintería de ribeira é algo moi importante que transcende á propia construción da goleta. “A elección por parte da Xunta de Galicia de elixir a San Ciprián coma un dos lugares para recobrar a memoria mariñeira é de agradecer porque isto servirá de atractivo turístico, xa que a xente poderá ver o proceso de elaboración da goleta. Sabemos que hai xente interesada de varios puntos de Galicia e da cornisa cantábrica en vir a ver a súa construción e estamos seguros que isto repercutirá favorablemente na economía local. Ademais, a súa construción posibilitará que se creen postos de traballo e que se recobre un oficio historicamente moi arraigado nesta vila, por non mencionar o orgullo que é para todos os habitantes do Concello de Cervo que unha embarcación tradicional co nome de San Ciprián se converta nun referente galego da náutica tradicional”.

Exit mobile version