Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela reunirase coa Consellería de Sanidade para falar da asistencia de drogodependencias

Nota de prensa:
ALFREDO LLANO REUNIRASE CON RESPONSABLES DA CONSELLERÍA DE SANIDADE O VINDEIRO 3 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO. CON ELES FALARÁ DA UNIDADE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS.

Burela, 20 de outubro de 2010. O alcalde, Alfredo Llano, viaxará o vindeiro 3 de novembro a Santiago para manter unha entrevista con responsables da Consellería de Sanidade. Será ás 11:30 da mañá.

Llano quere “intercambiar documentación e impresións sobre a unidade asistencial de drogodependencias, a miña intención é garantir a continuidade deste servizo aquí en Burela, pero coas subvencións ao día sen meter en complicacións económicas ao Concello. Tamén lles vou suxerir que sexa absorbido o antes posible todo o persoal adscrito a esta unidade, pensamos que a mellor fórmula para garantir este servizo no futuro é que pasen a depender do Sergas”.

O rexedor tamén analizará cos responsables de Sanidade “a situación do Hospital da Costa e o servizo de asistencia sanitaria aquí en Burela”.

Peatonalización de Pardo Bazán

Alfredo Llano convocará a veciños e comerciantes a unha xuntanza que se celebrará a mediados do vindeiro mes de novembro para falar do proxecto de peatonalización da rúa Pardo Bazán. O alcalde explicou que “continuando coas melloras que consideramos boas para Burela, para que sexa un concello con todas as garantías de habitabilidade perfectas e que todo o mundo se sinta integrado e contento aquí, vou citar a veciños e comerciantes para falar do noso proxecto para peatonalizar a rúa Pardo Bazán”.

Llano engadiu que “en principio se faría en dúas fases, unha delas a que está fronte ao parque, é moi demandada polos pais dos nenos que acuden alí por seguridade, e a segunda fase cara a Casa da Cultura e sería posterior. Nós queremos facerlles chegar as nosas intencións, queremos saber si están de acordo con esta iniciativa para facer peatonal o centro de Burela, penso que á larga favorecerá tanto aos peatóns coma os comerciantes da zona. Estamos preparando esa xuntanza para mediados de mes en Burela”.

Exit mobile version