Nota de prensa:
ALFREDO LLANO PÍDELLE Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE QUE PROCEDA A LIMPAR OS LODOS DO ENCORO DE RÚA E Á DE SANIDADE QUE ABSORBA A XESTIÓN A UNIDADE DE DROGODEPENDENCIAS.
Burela, 4 de outubro de 2010. O alcalde, Alfredo Llano, ven de enviarlles sendas cartas aos conselleiros de Medio Ambiente e Sanidade da Xunta. A Agustín Hernández pídelle que o seu departamento proceda a limpar o encoro de Rúa e a Pilar Farjas solicítalle unha entrevista para falar da unidade asistencial de drogodependencias.
O rexidor explicou que “en Rúa temos un encoro no que almacenamos auga para abastecer ao concello de Burela, aínda que no futuro será compartido por Cervo. Por iso fixen unha petición de limpeza dos lodos dese encoro no que temos almacenados uns 21.000 metros cúbicos para que estea ao 100% da súa capacidade e se garanta o abastecemento de auga. Como vexo que en concellos coma o de Lourenzá se están empezando a limpar estes lodos, algo que me parece moi ben, fago esta petición urxente para que se acometan os mesmos traballos no encoro de Rúa”. Llano lembrou que “no abastecemento de auga a Burela e Cervo xa estaba contemplada esta limpeza, pero debido aos prezos que acadan estes traballos no mercado suprimíuse de dito proxecto inicial. Agora fáise necesario insistir de novo nesta ocasión”.
O alcalde burelés solicita manter unha entrevista coa conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, para falar da unidade de drogodependencias, “que leva prevención e que conta coa unidade asistencial. O servizo que presta é máis comarcal que municipal, hai moitos Concellos adscritos a dita unidade. Xa desde hai tempo se viña falando da necesidade de que o persoal que alí traballa fose absorbido polo Sergas e de momento non se deron os pasos suficientes para facer isto. Agora hai que retomar esta cuestión debido á preocupación que temos pola subvención anual que recibimos da Xunta para esta unidade e que neste 2010 aínda non nos chegou. En total son 217.000 euros para facer fronte tanto aos salarios coma ao material, etc… e de momento non cobramos nada e vémonos na obriga desde o Concello de Burela de ir adiantando eses cartos, pero a situación váisenos facer insostible se non chega esa subvención”. Alfredo Llano pensa que “a mellor forma de darlle unha solución definitiva a esta situación sería que a unidade e o seu persoal fosen absorbidos polo Sergas sen depender para nada o seu funcionamento dos Concellos porque tal e como están as cousas á larga pode ser un problema”.