Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Alfoz xestiona con Augas de Galicia a limpeza do ríos Ouro e Ferreira

Nota de prensa:
O ALCALDE REÚNESE CO PRESIDENTE DE AUGAS DE GALICIA PARA AXILIZAR A LIMPEZA DOS RIOS OURO E FERREIRA E DOS SEUS PRINCIPAIS AFLUENTES

* Emilio Lousas trasladou a Francisco Menéndez a problemática que poden representar as árbores, ramas e maleza que se acumulan nas marxes fluviais evitando así o colapso en caso de riadas ou forte pluviosidade.

* Tamén abordaron o proxecto de saneamento da parroquia da Lagoa, que xa foi elaborado e presentado polo Concello ante a administración autonómica con anterioridade. Augas de Galicia comprometeuse a estudar, a pesar das restricións orzamentarias e tendo en conta as mesmas, as fórmulas máis acaídas para o seu financiamento.

Alfoz, 11 de Outubro de 2010.- O Alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, mantivo no día de hoxe unha reunión co presidente do ente público autonómico Augas de Galicia, Franciso Menéndez na que entre outras cuestións acordaron axilizar a limpeza dos ríos Ouro e Ferreira, ao seu paso por este concello, así como dos seus principais afluentes. O rexedor municipal quixo trasladarlle ao xestor autonómico dos dominios hidráulicos a problemática que poden representar as árbores, ramas e demais maleza que se acumula nas marxes dos ríos, así como a necesidade da limpeza periódica das mesmas para evitar colapsos en caso de riadas, de xeito destacado, durante as estacións de outono e inverno cando é maior a pluviosidade.

Emilio Lousas xa solicitou no seu momento a limpeza das canles fluviais e aproveitou a visita para reiterar a solicitude e describir a situación dos principais ríos a afluentes. O primeiro edil de Alfoz agradeceu a receptividade e boa acollida que ante esta petición amosou o responsable de Augas de Galicia.

SANEAMENTO LAGOA

Outros asuntos que tamén formaron parte das cuestións abordadas durante a xuntanza celebrada está mañá foi o proxecto de saneamento da parroquia da Lagoa, que xa foi presentado con anterioridade diante da administración autonómica por parte do Concello. Segundo explica o rexedor, o Presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, tamén neste caso amosou a súa máxima receptividade e sinalou que, a pesares das restricións orzamentarias que están a aplicar todas as administracións públicas neste momento, Augas de Galicia estudará o devandito proxecto así como as fórmulas máis acaídas para o seu financiamento.

SAÚDOS. – CONCELLO DE ALFOZ

Exit mobile version