Site icon Crónica3.com A Mariña

Víctor Cachón, ala-pivote do Burela FS lesionado nun adestramento, ten “moitas ganas de volver”

Nota de Prensa

VÍCTOR: ‘TEÑO MOITAS GANAS DE VOLVER PERO SEI QUE DEBO TOMAR A RECUPERACIÓN CON CALMA’

Despois dun mes, o ala-pivote laranxa Víctor Cachón evoluciona favorablemente da súa lesión de ligamento lateral interno, sufrida no choque cun compañeiro durante un adestramento. “Animicamente estou mellor do que esperaba porque a recuperación está indo bastante ben. Teño moitas ganas de volver pero tamén sei que o teño que tomar con calma porque o importante é evitar posibles recaídas” dixo o gaditano.

Os servizos médicos do club, inmersos na análise de diferentes probas para descartar posibles complicacións, confían en que o xogador burelista se poida reincorporar paulatinamente á actividade física nas próximas semanas.

Mentres tanto, Víctor combate os días sen xogar coa súa nova faceta de espectador e afeccionado dende a bancada, aínda que non o leva nada ben. “Todos os sábados estou nerviosísimo, sinto un pouco de envexa por non estar na pista axudando os compañeiros, pero a recuperación está indo ben e iso fortaléceme animicamente” confesou o ala-pivote laranxa, que, a pesar do sucedido, aínda se sente afortunado: “Dentro do malo tiven sorte porque a miña é unha das lesións máis leves de xeonllo”.

O gaditano prognostica un encontro moi rifado para o vindeiro domingo ante o o seu ex-equipo, o Extremadura Cáceres 2016, que “está atravesando unha mala época de resultados e sairá a por todas para conseguir os tres puntos”. “O Burela atopará un rival moi parecido a ElPozo, con xogadores novos; é un conxunto cunha defensa forte, que presiona a pelota, e ten moita estratexia” asegurou Víctor, que ademais sinalou “a rapidez de Pablo, a experiencia de Almeida e os irmáns Cala e a posesión de Juan Carlos” como as grandes referencias estremeñas.

Exit mobile version