Cúmprense 30 anos da morte, ós 90 de idade, dun persoeiro ilustre, moi vencellado ás terras da Mariña. Xornalista, escritor, médico (non exerceo) e político, don Ramón Fernández Mato nacera en Boiro en 1899. De singular personalidade, fora amigo e compañeiro de Castelao na facultade de medicina, e colegas na Tuna na que o debuxante tocaba a guitarra e da que él era presidente. Cóntase que fora elexido pola súa presencia física e a oratoria brillante que facían del un “donjuan”, de grande éxito coas mulleres. Tanto así que cando polos anos vinte encetou a súa colaboración na revista “Vida Gallega”, o director, Jaime Solá, publicou un artígo, dirixido ás lectoras, anunciando a súa presencia habitual nas páxinas. O poeta Rey Soto dedicáralle un poema; algúns dos versos, dín: “Se parece a don Félix de Montemar. Apuesto, calavera y poeta, fue terror de beatas./ Lo mismo en los estrados, que en timbas y chirlatas /triunfó su esbelto talle y su mostacho enhiesto../ Siempre el oro o la vida a jugarse dispuesto / e igual ante hosteleras que regias azafatas, / si son bellas, se curva en un rendido gesto…´´. De gran cultura, brillante xornalista, director do diario “El Pueblo Gallego”, e asíduo de diversas publicacións. Republicano, foi deputado por Lugo, gobernador civil de varias provincias, ademais doutros cargos. Ó estalar a incivil, no 36, era Director Xeral de Seguridade. Exilouse a América onde desenvolveo un meritorio labor periodístico. Publicou mais dunha ducia de libros, entre eles a exitosa obra teatral, “Muros de Oro”, que estreara a insigne actriz Lola Membrives. A comedia foi traducida a varios idiomas e representada en diversos países. En 1964 voltou do exilio; a súa muller era de Ferreira do Valadouro e instaláronse en Foz. De contado nos fixemos amigos. Nunha ocasión díxenlle: “ O seu amigo Castelao di que se fixo médico por amor a seu pai, e que non exercía por amor á Humanidade ¿E vostede?”.“A mín traicióname o apelido, respostou. ¿Qué futuro pode agardar ó medico que na porta de súa consulta, informa: “ MATO, de 5 a 9”?. Seguiremos debullando anécdotas deste personaxe singular.
Suso Fernández