Nota de prensa:
Máis de 400 persoas optan aos postos de traballo que ofrece o Centro de Innovación Social da Deputación
– O organismo provincial publicou a última hora deste pasado martes, tanto na súa páxina web como no taboleiro de anuncios, a listaxe de admitidos e excluídos no proceso de selección de persoal do CIS
– O 13 de outubro os aspirantes serán convocados no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense para continuar co proceso mediante unha proba escrita
– Esta pioneira iniciativa en Galicia dará emprego a 27 lucenses en paro tales como conserxes, persoal de oficina, licenciados en Económicas, diplomados en Humanidades, Educación Social, ou Imaxe e Son, así como axentes dinamizadores
– O equipo resultante traballará códavo con códavo cos cidadáns na procura de servizos que melloren a calidade de vida dos colectivos máis desfavorecidos
A Deputación publicou a última hora do martes, tanto na súa páxina web como no taboleiro de anuncios, a listaxe de admitidos e excluídos no proceso de selección de persoal para o pioneiro Centro de Innovación Social en Galicia, -CIS-, que porá en marcha o organismo provincial en Lugo co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos colectivos máis desfavorecidos na provincia. En España só existen outras infraestruturas semellantes en Cataluña, Bilbao e Guipuscua. Esta iniciativa, que estará a pleno rendemento en 2011 nas instalacións da Fundación TIC, conta cun investimento de 1,5 millóns de euros e enmárcase dentro do Plan Avanza que co-financia o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Deste xeito, das 426 solicitudes presentadas, foron aceptadas 404 segundo os baremos establecidos nas bases desta convocatoria tamén feitas públicas. Nos vindeiros días, concretamente o 13 de outubro, os admitidos serán convocados no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense para continuar co proceso de selección mediante unha proba escrita.
O Centro de Innovación Social da Deputación dará emprego a 27 lucenses que actualmente se atopan en paro tales como conserxes, persoal de oficina, licenciados en Ciencias Económicas ou Dirección e Administración de Empresas, diplomados en Humanidades, Educación Social, Imaxe e Son, e ata axentes dinamizadores Multimedia e TIC, ou de Benestar Social. O equipo resultante traballará códavo con códavo cos cidadáns na procura de servizos que se axunten ás necesidades dos veciños da provincia.
Crea emprego, mellora servizos e aforra cartos
A Deputación, ademais de crear emprego na provincia coa posta en marcha do CIS, tamén fomentará o envellecemento activo e impidirá o aillamento dos lucenses. Para elo, o Centro de Innovación Social impulsará o desenvolvemento de novidosos proxectos baseados nas TICs que faciliten a vida dos maiores e persoas dependentes. Por exemplo: unha silla adaptada, un libro de exercicios que axilice a capacidade mental, ou mesmo aparellos que den solucións ás deficiencias visuais ou auditivas.
Da mesma forma, o organismo provincial aforrará cartos ás PEMES. A estas entidades suponlles un gran gasto atopar servizos específicos tales como un programa de facturación, e vense na obriga de recurrir a unha subcontrata que teña grandes infraestruturas e persoal cualificado para acadar o produto axeitado. O CIS da Deputación pode solventar este problema e aforrarlles cartos.