Site icon Crónica3.com A Mariña

Sabiamos que pelexando podiamos conseguir a vitoria en calquera momento, di Lucia do Burela FSF

Nota de prensa:
LUCÍA: ‘SABIAMOS QUE PELEXANDO PODIAMOS CONSEGUIR A VITORIA EN CALQUERA MOMENTO’

Como aconteceu a campaña pasada, á terceira foi a vencida para subir os tres primeiros puntos do Burela FSF Pescados Rubén. Ante o Diamante-La Rioja (3-5), reapareceu o toque da pichichi laranxa 2009-10, Lucía, que cun hat trick volve encabezar a lista goleadora do conxunto mariñán.

“Sabiamos que pelexando podiamos conseguir a vitoria en calquera momento” asegurou a ala-peche ourensá, que tamén negou o desasosego do vestiario. “Non estabamos desanimados. Tocounos un comezo difícil, con dous candidatos ao título, pero non nos provocaba ningún nerviosismo levar a cuadrícula en branco”.

Lucía fixo referencia ao bo momento polo que está atravesando o equipo, avalado pola boa preparación física e psicolóxica. “Polo momento non podemos presionar tan arriba como estabamos acostumadas; somos conscientes das nosas limitacións, pero estamos aprendendo a potenciar as nosas virtudes defensivas e a xogar con astucia” dixo a burelista, aludindo tamén á posibilidade de ampliar efectivos: “Somos un grupo compacto, sen fisuras, no entanto tamén reducido e por iso necesitamos reforzarnos, por exemplo na finalización, pero sobre todo para contar con máis rotacións e non fraquear nos últimos dez minutos, como nos vén sucedendo”.

A ourensá prevé unha nova guerra na visita do Natudelia.com Zaragoza, o vindeiro sábado. “Necesitaremos moita concentración e intensidade porque ao Burela FSF non se lle dá nada ben o xogo que coñecemos das aragonesas. Normalmente métense en 10 metros e aproveitan a contra, ao que hai que engadir o seu fortalecemento con varias fichaxes procedentes de fútbol” explicou Lucía, que tamén incidiu na importancia de puntuar nas vindeiras citas, ante Zaragoza, Valladolid e Soto del Real, “para integrarse na dinámica da competición”.

Exit mobile version