Nota de prensa:
GALIZA NOVA COMEZA A RECOLLIDA DE SINATURAS PARA O MANTEMENTO DO NOITEBÚS NA COMARCA DE A MARIÑA
A supresión deste servizo resposta a unha visión criminalizadora da mocidade e non á austeridade que pregona o goberno da Xunta.
Galiza Nova de A Mariña inicia mañá venres a súa campaña de recollida de sinaturas para o mantemento do servizo do Noitebús. Este servizo, impulsado polo BNG na anterior lexislatura, é altamente demandado pola mocidade mariñá supondo un medio de transporte seguro e asequíbel para os desprazamentos ás zonas de lecer.
Desde Galiza Nova manteñen que “a supresión deste servizo supón un claro retroceso na oferta de servizos á mocidade e nas melloras na seguridadede nos desprazamentos da mocidade. Decisións coma esta, afectan especialmente a comarcas coma a de A Mariña, caracterizada por unha importante dispersión poboacional e pola concentración das actividades de lecer nas principais vilas. Baixo a escusa da austeridade, o Partido Popular vén de adoptar esta decisión, utilizando unha argumentación demagóxica e criminalizadora da mocidade, caendo en prexuizos e tópicos pouco acaídos para un goberno serio”. O responsábel comarcal, Bernardo Fraga, explicou “o apoio das mocidades do PP a eliminación do noitebús non deixa de ser un fiel reflexo ideolóxico desta organización, que so se para a pensar na rentabilidade das liñas, en lugar de garantir que tódalas mozas e mozos que viven en Concellos de escasa poboación, teñan o dereito a desprazarse con seguridade, a baixo custo e a disfrutar do seu tempo de lecer coma calquera outra moza ou mozo de entornos urbanos”.
RECOLLERANSE SINATURAS NOS INSTITUTOS E NAS PRINCIPAIS VILAS
Desde Galiza Nova amosan o seu rotundo rexeitamento desta medida, polo que animan á sociedade en xeral e ás mozas e mozos, en particular, a participar da campaña de recollida de sinaturas que se desenvolverá nas vindeiras semanas.
A campaña comezará o venres coa recollida de sinaturas e o reparto de material no instituto de A Pontenova e continuará o venres da vindeira semana visitando os institutos de Ribadeo, Foz e Viveiro. Tamén se fará recollida de sinaturas e reparto de material nos institutos de Cervo e Burela. Ademais destas visitas, Galiza Nova colocará nas vindeiras semanas mesas informativas en Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro.