Nota de prensa
NOTA DE PRENSA DE GALIZA NOVA “A MARIÑA”
O Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza ven de anunciar a supresión do servizo de noitebús, impulsado na anterior lexislatura polo BNG. Este servizo supuxo un avanzo na oferta de servizos para a mocidade que reside nas zonas rurais e vilas pequenas, grazas ao cal evitaron empregar o coche moitas noites de marcha, mellorando así a seguridade viaria e reducindo a siniestralidade nas estradas galegas. Ademais sirve para concienciar a xente moza do uso do transporte público fronte ao vehículo particular, e permite á mocidade con baixos recursos económicos a mobilidade de lugares de ocio.
O Partido Popular baixo a escusa dunha falsa austeridade suprime este servizo, que foi empregado por máis de 50.000 persoas, na Comarca da Mariña, onde so fai falla achegarse as paradas do noitebús para comprobar que cada fin de semana vai ateigado de mozas e mozos que so pretenden divertirse con seguridade.
Namentres o Partido Popular adícase a gastar 4 millóns de euros na visita do Papa a Galiza ou na campaña para publicitar o decreto do galego no ensino, dende o 30 de setembro xa foron eliminadas 9 rutas no noso país.
Por todo isto e segundo declarou o responsábel comarcal de Galiza Nova, Bernardo Fraga, “Galiza Nova oponse radicalmente a supresión do noitebús, xa que consideramos que este é un servizo necesario e útil para a xente nova, que mellora a súa seguridade, e as súas alternativas de ocio nocturno. A nosa organización demanda o mantemento do servizo de Noitebús, sen a aplicación de ningunha redución en ningunha liña así como a mellora do seu funcionamento no conxunto de Galiza”