Site icon Crónica3.com A Mariña

Discrepan os populares de Cervo de que o PSOE critique as previsións da “xunta popular”

Nota de prensa

Os populares responden ao Grupo Socialista Municipal que criticou os investimentos previstos pola Xunta no seu termo municipal

CO PSOE DE CERVO “NIN BARCO, NIN PORTO”

TRAIZÓN: Non é a primeira vez que os edís do PSOE en vez de felicitarse polos investimentos que a Xunta popular destina a Cervo critican estas achegas.

INCOHERENCIA: Mentres que os socialistas critican a construción da goleta -que suporá unha rendibilidade turística, cultural e a nivel de emprego- non fan o mesmo con outras actuacións promovidas polas administración socialistas do goberno central como o Centro de Interpretación Mariña en Foz (3,7 M€) ou o ascensor panorámico de Ribadeo (1,4 M€).

A nova praza dos Campos deixa en evidencia as mentiras do PSOE que acusan ao Concello de querer construír un edificio  onde só haberá espazo 100% público, con zonas verdes, deportivas, con xogos infantís e para o tempo de lecer e paseo.

Cervo, 30 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Cervo non quere deixar pasar a oportunidade de responder ás críticas do Grupo Socialista local respecto dos investimentos que a Xunta ten previsto facer no termo municipal e, nomeadamente en relación coa construción da goleta tipo “San Ciprián” e da nova praza dos Campos. Acusaron aos socialistas de ser “profundamente desleais” cos veciños do municipio “pois nunca antes asistimos a un espectáculo tan bochornoso como o ver a uns concelleiros, que se deben ao seu pobo, saír publicamente a cuestionar os investimentos que chegan a Cervo en vez de felicitarse polos mesmos”. Indican tamén que este comportamento é unha “traizón” da que tomarán boa nota todos os cervenses.

NIN PRAZA, NIN BARCO

Os populares lembran que co PSOE no Goberno da Xunta non houbo cartos “nin para o barco, nin para o porto”, xa que durante os catro de bipartito non houbo investimento algún para estas nin outras actuacións. “Pola contra, agora co PP no Goberno  autonómico, chegan recursos para o novo porto deportivo e tamén para a Goleta; así como para outras moitas actuacións que as administracións socialistas lles estiveron negando todo o

tempo aos veciños deste concello”.

Os populares tampouco comprenden como é posible que o PSOE critique en Cervo esta actuación e non faga o mesmo con outros proxectos promovidos desde administracións socialistas e con financiamento do Estado, como son o novo Centro de Interpretación do Mar de Foz –no que o Ministerio de Medio Ambiente Investiu 3,7 millóns de euros- ou o ascensor panorámico de Ribadeo –cun custe de 1,4 millóns de euros, achegados tamén polo Estado-. Desde o PP están convencidos que a construción da goleta é “polo menos igual de prescindible” que estas actuacións anteriormente citadas. “A diferencia estriba en que nós non criticamos a idoneidade delas, mentres que a eles de súpeto dálles por poñer en tela de xuízo calquera investimento que veña a Cervo escudándose nunha crise que levan negando ata hai dous días” aseguraron.

Os populares insisten nas vantaxes da construción da goleta no eido turístico (punto de interese e atracción de visitas), cultural (apoio e posta en valor das carpinterias de Ribeira) e no ámbito da creación e consolidación do emprego  artesanal (postos de traballos asociados á construción da goleta)

PRAZA DOS CAMPOS

No PP defenden tamén as achegas da Xunta destinadas á construción da nova praza dos Campos por canto supón recuperar un espazo libre e público, un emprazamento situado no medio de San Ciprián. “Ademais con esta nova praza, estamos a deixar en evidencia as mentiras do PSOE, que sempre defendeu que o que alí pretendíamos era edificar, construír pisos de vivendas. Todo o contrario haberá unha praza pública, espazos verdes, zonas de lecer, de xogo infantil e para a práctica deportiva… algo que parece molestar ao PSOE, obsesionado en que en Cervo non  se  investina nin un só euro”

Finalmente os  populares afirman non comprender como despois de anos e meses negando a existencia da crise, agora o PSOE empregue esta escusa como argumento para rexeitar os investimentos previstos en Cervo. “O seu problema é que non lles gusta que o PP se esforce tanto na Xunta como no Concello por investir e apostar por Cervo”-conclúen

Exit mobile version