Nota de Prensa
Deputación, Goberno Central e FEGAMP aforran ós Concellos de Lugo máis de 400.000 euros na formación do seu persoal
– O Presidente do organismo provincial e o da Federación Galega de Municipios e Provincias asinan un convenio de colaboración para organizar novos cursos na provincia lucense
– En total, os profesionais das administracións de Lugo poderán participar ó longo de 2010 en 70 xornadas formativas, un 30% máis que o ano pasado
– Gómez Besteiro e Fernández Castro instan á Xunta a axilizar os trámites da implantación da banda ancha na Comunidade, e destacan que “o Gobeno galego está a recortar e a eliminar plans continuamente. O señor Feijóo parece o Mister Proper dos recortes”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias – FEGAMP -, Carlos Fernández Castro, asinaron este venres un convenio de colaboración mediante o cal esta última entidade aporta 12.000 euros para a organización de novos cursos dirixidos ó persoal das administracións da provincia lucense. Con este aportación, que se suma a feita pola Deputación e o Goberno de España, os Concellos lucenses aforran este ano máis de 400.000 euros na formación e capacitación do seu persoal. Concretamente, durante 2010, o organismo provincial, o Executivo Central e a FEGAMP aforran ás arcas municipais da provincia 427.481 euros, un 20% máis que na convocatoria anterior. Desta cifra, a Deputación achega o 37%, o Ministerio de Administracións Públicas o 60%, e a FEGAMP o restante.
Gómez Besteiro salientou que “apostamos pola formación dos nosos traballadores para acadar unha administración moderna ó servizo dos cidadáns. Fronte ás políticas de restricción hai que establecer prioridades. A mellora desta formación, xunto ó seu incremento, vai a permitir un gran salto na provincia en prol duns servizos óptimos para ós veciños”. Pola súa banda, Fernández Castro destacou que “este convenio amosa a intensa colaboración e o bo entendemento entre a FEGAMP e a Deputación de Lugo, e máis concretamente, co seu Presidente”.
En total, o persoal das administracións de Lugo poderán participar ó longo de 2010 en 70 xornadas formativas, un 30% máis que na convocatoria anterior. O seu contido responde ás demandas actuais como: a normativa galega sobre incendios forestais, o dereito urbanístico logo da modificación da lei, a xestión de axudas para entidades locais financiadas con fondos europeos, etc.
No conxunto de Galicia, a FEGAMP impulsa este ano 36 cursos, 3 máis que en 2009. O número de beneficiados acadará os 935, e o de horas superará ás 1.200.
Mensaxe á Xunta
As novas tecnoloxías teñen unha ampla presenza no Plan de Formación dirixido ós traballadores das administracións de Lugo debido á vindeira total implantación da e-administración na provincia que acadará a Deputación nun tempo récord de menos dun ano. Neste senso, Gómez Besteiro destacou a importancia de que estes profesionais sexan os primeiros en formarse como responsables dos 120 trámites que os veciños de Lugo poderán facer dende a Rede grazas ó Innova-TE , o programa tecnolóxico do organismo provincial, dotado de 9 millóns de euros, cofinanciado nun 70% con fondos Feder e un 30% polo INLUDES.
Precisamente, Gómez Besteiro agasallou a Carlos Fernández cun USB en forma de chave simbolizando a administración aberta 24 horas, ós 365 días ó ano, que terá Lugo en 2011 co Innova-TE da Deputación. O titular do organismo provincial incidiu en que “nós poñemos a disposición dos cidadáns de Lugo o mercedes para circular de formar inmediata coa administración, agora só queda que a Xunta facilite a autovía necesaria”. O Goberno galego é a institución responsable e con plena competencia para achegar a bancha longa ós veciños da Comunidade, feito que non acadará, segundo os seus propios plans, ata 2013, é dicir, 2 anos despois de que a Deputación de Lugo remate co Innova-TE, e toda a provincia conte cos medios necesarios que conleva a e-adminsitración a excepción do servizo da banda ancha, tarefa da Xunta.
Neste senso, Fernández Castro amosou a súa preocupación porque, logo de asinar un convenio co Goberno Galego para lograr unha administración moderna baseada nas novas tecnoloxías, “a súa resposta está sendo lenta mentras que os Concellos e a Deputación de Lugo xa fixemos o noso traballo”. Como mostra disto, o Presidente da FEGAMP asegurou que “na última reunión que tivemos ó respecto, dixéronnos que uns 40 Concellos, sen saber concretar cales, solicitaban o servizo que ofrece a rede CeMIT. Todo isto está paralizado dente xuño”.
Da mesma forma, Fernández Castro destacou que “o Gobeno galego está a recortar e a eliminar plans continuamente. O señor Feijóo parece o Mister Proper dos recortes. Estamos esperando a que nos paguen 45 millóns de euros correspondentes ó Plan Concertado para mellorar e aumentar os servizos sociais básicos ós cidadáns. A Consellería de Traballo ofreceunos en xuño adiantarnos este diñeiro pero, a día de hoxe, non sabemos nada. O Executivo galego só se adica a asinar acordos mediáticos.”