Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura versus ladrillo

URXE ADQUIRIR OS  TERREOS NECESARIOS PARA AMPLIAR O MUSEO PROVINCIAL DO MAR EN SAN CIPRIÁN

<< Cultura versus ladrillo >>

Nos pasados días coñecíamos que, a pesares de levar anos en supostas negociacións, que serviron para que os actuais responsables da Deputación provincial  fixeran unha multitude de fotos e propaganda, aínda non foron quen de  realizar unha oferta firme para a adquisición da finca de 1.471 metros cadrados onde estaba prevista a ampliación do Museo provincial do Mar.

Desde a administración provincial, nacionalistas e socialistas, levan demasiado tempo  enganando á propietaria deste espazo e enganando a todos os veciños. Nin existe intención, nin disposición de recursos orzamentarios para levar adiante a tan necesaria ampliación da xoia museística por excelencia que a provincia de Lugo ten en San Ciprián.

De nada sirve ter aos dous portavoces municipais da oposición a soldo e en cargos de relevancia do Goberno provincial. Non miran polo seu pobo e nada teñen achegado ao seu concello. Só promesas, compromisos e palabras que nunca acaban por cumprir. Actúan con deslealdade e desprezo ante a petición dos seus veciños.

Urxe adquirir os terreos necesarios para acadar a pretendida ampliación do Museo do Mar, como vimos reclamando desde o Concello de Cervo, e desde distintas estancias veciñais e sociais. Non só porque os seus espazos quedaron pequenos, e gran parte do patrimonio deste museo non pode ser exposto e permanece gardado, senón tamén porque o contrario sería a victoria do ladrillo  por enriba da cultura.

A propietaria ten na man, amparándose na lexislación vixente,a venta dos terreos a unha promotora que levantaría alí un edificio de tres plantas, baixo cuberta e soto. En primeira liña de praia. Coa lei na man autorización sería irreversible. Evitalo depende da vontade política da Deputación. Que ten dúas opcións: seguir ata o de agora mirando cara a outro lado, ou pode apostar pola cultura, por garantir o noso tesouro museístico, apostar polo Museo provincial do Mar. Nesa tarefa contará co apoio decidido do Concello de Cervo e do conxunto dos seus veciños

Jose Manuel Balseiro Orol

Tenente de Alcalde e edil de urbanismo en Cervo

Exit mobile version