Nota de Prensa
Trátanse de vías en mal estado ou cunha capa de rodaxe moi deteriorada polo paso do tempo e o deficiente mantemento
CERVO RECLAMA Á DEPUTACIÓN O ARRANXO URXENTE DE VARIAS ESTRADAS PROVINCIAIS
* O Grupo de Goberno municipal urxe a necesidade de amañar a estrada costeira, entre San Ciprián e Burela, a vía que une a N-642 e Cuiña e a estrada desde O Paraño a Figueirido.
Cervo, 26 de outubro de 2010.- O Grupo de Goberno municipal de Cervo reclama á Deputación o arranxo urxente de varias estradas de titularidade provincial que neste momento presentan un mal estado ou unha capa de rodaxe moi deteriorada, todo iso, como consecuencia do paso do tempo e do deficiente mantemento por parte dos servizos dependentes da Deputación.
Con este obxecto remitiron varios requirimentos ao Executivo provincial no que describen as estradas que precisan unha urxente reparación: Inclúe a vía costeira que une San Ciprián con Burela –un dos espazos máis transitados, de xeito especial, pola beleza do seu paisaxe e porque se trata do itinerario máis curto entre ambas poboacións- a estrada que une a nacional N-642 coa poboación de Cuiña –reclamación que tamén comparten os veciños de Cuiña e Rueta- e a vía desde O Paraño a Figueirido.
O Goberno municipal considera que a Deputación non pode adiar o arranxo destas vías tendo en conta o seu mal estado e o risco que implica para os automobilistas e usuarios das mesmas a presenza de fochancas e asfalto deteriorado en moitos dos seus tramos. Ademais, dado que está próximo o inverno, e os meses nos que as condicións climatolóxicas son máis adversas, moi probablemente este tipo de deficiencias poden empeorar.
O Concello de Cervo lembra que a Deputación non pode “facer oídos xordos” a estas peticións xa que ten a obriga legal de acometer estes arranxos por tratarse todas elas de vías de titularidade provincial.